www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

mércores, 2 de setembro de 2026

FIGUERAS / AS FIGUEIRAS




 Neste segundo día de setembro, empezou o día con néboa mesta por onde eu vivo. Case desisto de ir á praia como tiña pensado facer, pero sendo muller que non se arreda por tan pouca cousa, puxen pé ao pedal. Non quere isto dicir que fose en bici, senón que dende o nacemento do río Eo ata onde desemboca hai un bo treito. Nada mellor que viaxar soa para ir modelando a viaxe segundo os meus desexos. Así foi como decidín parar a coñecer Figueras ou As Figueiras, (Asturias). Para ir á praia de Arnau sempre atraveso esta vila pero sen adentrarme nela. Hoxe, pagou a pena percorrela a pé. Un galimatías de rúas que seguramente me ían levar a algures, de seguro, ata o porto. E así foi. No percorrido fun tomando fotos do que me chamaba a atención: pombais, igrexa, fontes, edificios importantes...


Este pombal é ún de entre outros que logo atopei. Tamén abondan as palmeiras e hai reliquias do seu pasado indiano. Conta con uns seiscentos habitantes actualmente. É parroquia do concello de Castro Pol. Ten unha historia ben curiosa que pode atoparse no Google. Rúas empinadas e estreitas que terman de construccións antigas levan nomes de escritores e outros persoeiros. As casas case todas son de ún ou dous andares aínda que tamén as hai de máis. 

A vida, se é que pode dicirse que a hai neste mes de setembro, está como detida nun cuadro. Apenas se atopa un negocio ou un local aberto no que poida tomar un café, (aínda que ao final se me deu ún por caridade). Todo parece durmido a esa hora da mañá. Nin un supermercado aberto, se é que hai algún.

Pero así podo ver mellor todo aquelo que me chama a atención, como unha fonte, chamada Fonte de Pelamio, primeira fonte potable da vila onde se facía o pelado das peles desolladas no matadeiro.


Ten un porto deportivo no que se poden alugar embarcacións para percorrer a ría de Ribadeo.

Quería dicir que o Eo no seu encontro co mar, é acollido por estas tres vilas: Ribadeo, Castro Pol e As Figueiras. As dúas últimas son do Principado de Asturias pero fálase galego por esa proximidade a Galiza. Un galego cun sotaque naviego-asturiano que varía de vila a vila.

Por certo, cando andaba a percurar un café, vin a furgoneta da panadería Mousende de Taramundi da que son clienta. Falei co panadeiro, que aínda que non é o que ven por Fonteo, sabía de min xa que meus pais mercábanlle o pan ao dono, Germán. Entraron a tomar unha cervexa e eu, por fin, un café, feito por misericordia e polo que so paguei 1 euro, pois non tiña troco o camareiro.


Outra das construccións que me chamaron a atención e que non sei ben o que é. Mal sitio para aparcar coches nesta vila.


Vista de Ribadeo, dende As Figueiras.


Vista de Castro Pol. Lembro unha vez, cando era nena, foramos nunha excursión a Ribadeo e dende alí cruzaramos en barco ata Castro Pol. Agora xa non hai ese tipo de barcos. Pasa como dende Rianxo a Vilagarcía, tamén acabaron por desaparecer ao ter coches a xente e haber estradas e pontes.


Outra das fontes que está baixando para a praia (se pode chamarse así) xunto ao porto. Hoxe, tamén hai un astaleiro e no seu día chegou a ter sete conserveiras.



Aquí podemos ver o porto tanto o deportivo como o pesqueiro. Tamén un barco grande no astaleiro.


Vista dunha rúa estreita con casas antigas.


A igrexa e mesmo estilo de casas baixas.


Xardín con vistas ao mar. Tamén ten un parque.


Praia de Arnau, a menos de dous quilómetros de As Figueiras. É unha das miñas favoritas. Hoxe estaba a marea baixa e apenas había ondas así que puiden darme un baño e varios paseos, con moi pouca  xente e boa temperatur tanto na auga como fora dela.



O merendeiro incrementou o número de mesas e estaban todas libres. Nótase que en setembro hai menos veraneantes. Pero a min é cando máis me gusta ir ás praias.



E aquí deixo un día nas Figueiras no que todo foi ben e desexaba explorar. Se cadra a próxima vez vou a Castro Pol onde hai unha interesante biblioteca que explorar tamén.


Onde o mar agarda o Eo
Estades vos, vixiantes
Ondeando bandeiras
E dándolle a benvida.
Sodes o máis grande que ve.
Orgulloso se sinte o Eo
Nesas terras mariñeiras
E a todas por igual quer.
Recordos de Fonteo leva,
Tanto percorrido feito.
Nada do que máis se preze,
Entrar no mar que lle tedes.

Acróstico de  Beatriz Pin







Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.