www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 20 de setembro de 2010

CAMIÑO DE FISTERRA (3ª e 4ª etapa)







Retomamos o camiño en Olveiroa, pola zona de Negreira. A falta de entrenamento na viaxe, faime esquecer de todo o que me rodea. Non me lembro xa qué novidades nos saíron ao paso aquela mañá, despois de pasar a noite nun hotel que estaba a 17 quilómetros de Noia, e pensando que de Noia a Fisterra había só media hora e que ás duas da madrugada cantarían a Rianxeira á luz das bengalas.....eu, que pasei alí tantos anos sen ir velo mais que duas veces, non entendo este desexo inesperado. Será a nostalxia do lugar que eu tiña por meu e do que tiven que separarme fai cinco anos.

Voltando ao camiño, lémbrome de que pasamos polos mesmos sitios que eu pasaba en coche para ir de Rianxo a Fisterra, lugares ámbolos dous moi queridos por min.

Alá no alto, vento do nordeste que nos acompañóu case sempre ao longo do percorrido por montes escarpados, dunha aridez de deserto, de duna, coa area que arrastra das fermosas praias de Carnota, Ézaro..... e alí, ao fondo o monte Pindo, rompendo coa suavidade da paisaxe que o circunda, espido, sen vexetación, todo pedra, inmensa mole con cúspides de difícil acceso, a Moa, na súa parte mais alta dende a que sentín a grandeza de ollar a terra por debaixo e o mar, e o Xallas, río invisible de desembocadura en fervenza.


Por mais que o intentaba non conseguía lembrarme da vella fábrica de carburos que non se cansa de votar fume.

Dende alí, case todo foi baixar para encontrarse co mar. Era desolado atravesar aquel inhóspita selva de esqueletes de pinos arrasados polas lapas, agora carbonizados, e ver asomándose outra epidemia xuvenil de eucaliptos que o invaden todo. Pensaba que, efectivamente, as cousas fermosas son difíciles de conseguir. Ese era o prezo que tivemos que pagar para, por fin, embelesarnos coa vista daquel mar emerxendo da profundidade da ladeira en picado ao descer á vila de Cee.

Chegamos alí sobre as duas e atopamos un bar a pé de ruta onde degustamos unha ben merecida caña. Logo, os autobuses levaríannos ata Fisterra para xantar e durmir alí.

Pola tarde, houbo saída a Muxía, concerto do coro do grupo na igrexa de Fisterra, cea no hotel, paseo pola vila onde vivín os dous primeiros anos da miña profesión.


Ao día seguinte, o programa era de Cee a Fisterra, pero eu, preferín quedarme e subir ao faro como facía noutros tempos.


O mar estaba calmo, o día era fermoso, soleado e convidaba a camiñar e a sentir a sensación de inmensa continuidade daquel Atlántico, ponte líquida co mais alá, do alén mar, dos soños que van e veñen, de tanto encantamento como teñen estas terras dun e doutro lado dél.


Ao descer do faro, non podía menos que visitar a xoia de Fisterra, o Mar de Fora, e par él vai este poema:


Quérome quedar co

teu son incesante, implacable


tenaz, martelante,Mar de Fora

sublime, envolto en perfección

que penetra os sentidos e rezuma

saúde e benestar.

Presa estou do teu engado,

atrevido e fero mar, Costa da Morte,

que entregas vida a raudales,

que traballas sen descanso

as areas da túa fermosa praia,

duna viva, remanso de paz

que distrae a mente e afasta

os pensamentos inmundos.

Tí, que purificas canto tocas,

que bañas de escuma a ollada

posta en tí, querido mar

daquelas tardes miñas

percurando atardeceres de intensa cor,

encendidas cal lume dos teus templos,

santuarios de adoración ao sol.

Fisterra, destiño meu primeiro,

de xuventude entusiasta e emprendedora,

hoxe volto a ti, tras longo percorrido,

mar, océano do meu sosego,

añorando, deposito en tí a miña confianza

e soños de futuro sagrado.



Despedinme do Mar de Fora con bágoas nos meus ollos, emocionada de poder falar con él con aquela confianza que dá o antigo coñecido.

De volta a Fisterra city, non podía faltar a visita oas Tres Golpes ( con J) e probar o marisco recén saído do mar (ou do viveiro), con aquel "aquel" que só alí saben darlle e que chupas os dedos e todo canto queda na fonte....

Non faltóu a foto co dono do bar e a súa mostra de productos, exemplares de boa talla todos eles.

Sería para quedarse mais tempo en Fisterra, pero voltaremos.

5 comentarios:

  1. Ola: Bea, así que fixeches de novo un percorrido, embriagada de añorazas dun pasado que non queda tan lonxe, pero que debeu ser importante para ti. Da túa man, tamén a min me parece que vou paso a paso contigo vendo as mesmas paisaxes e montes escarpados, Vilas como Fisterra, Muxía, o mar e o río. Unha entrada preciosa contada con todo detalle. E por último como broche de ouro, ese poema adicado a o mar con sentimentos profundos de nostalxia. As fotos son preciosas.
    Bea, e todo un pracer lerte. Un abrazo grande. nesta tarde de domingo chuvasqueiro e con moito vento.

    ResponderEliminar
  2. Grazas, amiga Marina,
    Agradezo de verdade as tuas palabras que son todo un regalo para min nestes momentos de temporal non só climatolóxico senón moral.
    Xa che contarei.
    Por certo, empeza o San Froilán en Lugo e podías achegarte e vernos. Eu estou algo "engaiolada" con problemas familiares pero sempre hai tempo para tomar un café, por moito que chova e caigan tempestades, non cres?
    Xa verei o teu blog un día destes. Agora teño que descansar porque estou facendo 150 quilómetros ao día entre ir e vir de Lugo á casa e da casa a Lugo porque teño a miña nai alí no hospital.
    Unha apertiña

    ResponderEliminar
  3. Bea: Canto sinto que andas de hospitais pero a vida éche así, cando somos maiores e cando comezamos a dar problemas... ai que levalo con calma ou, o mellor posible. Pois sinto que estás de verdade ben engaiolada , aquí tamén houbo temporais fortes o domingo todo o día ea noite, hoxe tamén o ai pero non e tan forte. Ao San Froilán non vamos por mor do mal tempo. Pero non perdo a esperanza de que algún día nos poidamos ver, quizais en algunha excursión, ou que ti poidas achegarte aquí a Pontevedra. Un biquiño Bea e tenme ao corrente. Non teño o teu correo, senón podía falar contigo en privado. Chau Bea. Que todo vaia ben.

    ResponderEliminar
  4. Ola Bea: paso a saudarte e desexarche o mellor do mundo para ti que tanto o mereces. Unha aperta moi agarimosa. E moita sorte. Chauuuuuuuuuuu.

    ResponderEliminar
  5. Ola Bea: Paso a saudarte e deixarche moitos biquiños xunto con un abrazo ben forte. Chauuuuuuu

    ResponderEliminar

Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.