A carpa na que tería lugar a degustación de mexillóns e xoubas, tiña os fogóns preparados para cociñar tanta fartura que nos agardaba logo de escoitar a charanga Louband que animaba o ambiente na praza e mesmo baixo a carpa cando a chuvia empezóu a desfacer a festa.
Ao final so ocupamos tres dos cinco stands que estaban preparados. Faltóu xente, tal vez por mor da chuvia ou do cansazo. Así que os primeiros fomos Ovapiscis e o noso stand de libros de Antón Cando e Beatriz Pin no que non podía faltar o que escribimos xuntos: Entre Nós e o Eo, que era o que máis tiña que ver co evento.
Aquí estamos co madrugador Jesús da Ponte, case centenario, que veu acompañado da súa coidadora, unha moza colombiana moi animada e festexeira que o leva a todo canto evento hai en Valeir /Baleira e así ambos se adivirten.
Logo foron chegando familiares que nos acompañaron e sacaron moitas fotos cos nosos libros e nos mercaron tamén algúns que levarían para Barcelona, para agasallar a amizades e para telos na casa como un bo recordo.
Aquí estamos con Sergio, do Val de Arán, e Mónica Pin. Ambos trasplantados de ril varias veces; sete no caso de Sergio que é un valente e conduce dende Catalunya á Galiza todos os veráns. Ten saído nos medios do país por este motivo dos numerosos trasplantes. O último foi grazas a un irmán donante. Traballan pola causa de donacións de órganos tan necesarios e escasos. Todos os anos editan un calendário con fotos e textos sobre este tema para sensibilizar a poboación e darlle visibilidade.