www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

venres, 31 de maio de 2019

PAISAXES DA ALMA

 Hoxe, derradeiro día do mes de maio, mañanciña quente dende a primeira hora, ceo azul, luz e cores, convidan a un paseo, despois do almorzo, e antes de que o sol nos faga ir ca lingua de fora, (sobre todo, Noa e o seu noivo, que xa veu buscala ben cedo).
A natureza loce o seu traxe verde e amarelo. Arrecende a herva cortada. Os tractores traballan remexendo nela e tranme lembranzas de antano, de cando a se gadañaba á man, dende o ser día, para rematar antes de que o sol quecera. Logo viña o esmarañado, que consistía en espelir a herba para que secase axiña. Pola tarde, non ben acabar de xantar, xa se ía volteala, pola calor, para que ainda secara mais. Se o día acompañaba, xa estaría lista para angazar e recoller á tardiña, senón ficaba para o día seguinte ou se había ameaza de chuvia, empalleirábase para que non se mollase, e había que estendela ao día seguinte se facía bo tempo.
Nós, miñas primas e eu, eramos unhas nenas. O noso traballo era esmarañar a herba despois de ser gadañada. Tamén nos deixaban angazar, e subir enriba do carro a calcala, cando o estaban cargando.
Logo viña xogar entre a herba gardada na palleira. Alí tamén se precisaba que se pisara ben para que coubera mais. Para nós, era un xogo e unha maneira de adivertirnos ao mesmo tempo que colaborabamos nos traballos do campo.
Lembro que poñíamos a froita a madurar entre a herba, como ameixas, claudias....

 Vivir perto destas paisaxes é un constante estímulo sensorial. Non importa a época do ano. Vivir cada momento que a vida nos ofrece, ainda que sexa a chuvia, a neve, a xeada....Pero o calorciño destes días mornos de primavera, con tanta flor, bolboretas e outros insectos, revoloteando arredor, non ten prezo.
Mentras se camiña, o pensamento vai voando a tempos pasados, a proxectos futuros, a presentes que apenas se sinten, porque case sempre ocupamos a mente con pasados e futuros. Vivir o instante, é difícil, require concentrarse no mínimo, no case inesistente. ´
Vou repasando lugares nos que vivín e aos que a veces voltei. Xa nada era igual. Por eso case non me interesa voltar a reencontrarme con eles. Perden aquel engado que tiveron, forman parte da miña historia tal como acontecera, e agora, apenas me din nada. Por eso, case prefiro descubrir novos  lugares, ou persoas, poñamos por caso, xa que ven a ser o mesmo. Camiñamos hacia diante. O de atrás vai quedando, deixando a súa pegada pero non hai que pretender recuperalo. Non se podería. Quedan as lembranzas, as fotos, as testimuñas escritas..... pero o noso devir, é cara a diante.

Camiños que ofrecen boas sombras. Corredoiras ainda cercadas con paredes de pedra que fixeron nosos avós. Árbores senlleiras que se conservan para ser admiradas. Xa nada sería igual se cortasen estas fragas que son refuxio de animais e plantas que só saben vivir nelas. Mentras quede un chisco de paisaxe anterga, aniñaran os soños que dan identidade ao lugar ao que pertencemos e amamos.

3 comentarios:

  1. E boas sombras é o que mais precisamos nestes dias, em que as temperaturas rondam os 40 graus. Com este calor os meus olhos ressentem-se, estão sempre a chorar e tenho dificuldade em andar por aqui.
    Abraço e bom fim-de-semana

    ResponderEliminar
  2. Vaia post Bea, que ledicia, sentin o astro dourado nos beizos, a herba tenra e o seu arrecendo, espalleina, sentin afilar a gadaña ca pedra en sons de cadencia armónica e metalica e, sentados a beira da presa almorzamos sopas de pan de centeo e ovos fritidos.
    que pensamentos mais razoados, o pasado que non volta, sí os recordos que se senten, enchen de agarimo doce ese anaco preto do corazón para despois gardalo agochado nos intres das nosas vivenzas que fan o pouso do que somos, camiñando a diante perseguindo soños. Unha aperta Bea.

    Solin

    ResponderEliminar
  3. Esto es exatamente lo que necesito yo estos meses de inmensas calores de clima humedo y pegajoso. Caminar por lugares con sombra, por que en Barcelona no se respira.
    Es un pos muy bonito y tiene tanta belleza que muchos quisieran alcanzar todo este paisaje tan familiar y de agradables paseos.

    Un abrazo muy grande, guapa.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.