www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

xoves, 20 de outubro de 2022

NUBE DE ACRÓSTICOS


 Fonte que non seca

Onde o Eo agroma

Nacín no teu leito

Tecíchesme a infancia

En ti arrolo os soños

Onde quero adormecelos



Fica medio esquecido

O hórreo dos de Benito

Nin rastro da casa queda

Todo baixo a estrada reza

E o hórreo coa porta aberta

O acubillo é dos paxaros



Chamada de Canónigo

Agora Casa Vita é

Saqueille todo o mellor

Acollín o seu valor

Viaxeir@s visitaron

Internacional ficou

Ten o meu fogar fixado

Ancorado na ilusión




Aspiro á felicidade

Vivo nas pequenas cousas
Interésome no Eo
Tamén no Nós e no Téu
Ando por camiños pequenos

Dende o Eo a Ribadeo
Onde me levan as musas

Pouso o pé devagariño 
Indo con fé no destiño
Vou deixando atras Fonteo
Illado no esquecemento
Doído despoboamento
Aldea que xa non ten
Lume acceso nin fé nel



 

Viña unha galiña
Impaciente, viña
Do galo quería
A súa atención

Revolcón do galo
Urxencia tomóu
Roéndolle a cresta
A galiña quedóu
"Lista, next, please!"




Vinvos medrar amodiño
Imaxinando a colleita
Días de contínua seca
Auguraban mal final

Recei ao ceo por chuvia
Un mes e outro mes tamén
Regaleivos os meus ollos
Aprendín daquel pintor
 Luz en vos quixo pintar

(Inspirado en "O sol do marmelo" pintura de Antonio López)



sábado, 15 de outubro de 2022

CARTA A PACO PESTANA


 Querido Paco,

Hoxe, como ti non estabas, decidimos visitar os teus lugares mais queridos. Empezamos na túa casa de Peredo, na que colgaches algunhas esculturas. Unha casa que debería ser a Casa Museo de Paco Pestana.

En honra a tí, inauguramos un roteiro que leva o teu nome e que parte de Peredo para acabar en Castro Verde. O camiño fíxosenos moi levadeiro e atopamos fragas, regatos, muíños... alén de castañas e cogumelos. 

Eramos un grupiño de unhas trinta personas. As nosas conversas xiraban en torno a tí. Todos e todas nos sentiamos ledos e ledas de terte coñecido. 


Os cans, teus compañeiros, quixeron formar parte do cortexo e viñeron canda nós un bo treito do camiño; como se entenderan que era o seu deber participar.

Fomos pasando polas aldeas que che eran ben coñecidas e por onde, seguramente, transitaches tantas veces, mesmo cando me escribías aquelas cartas dende Peredo e que hoxe agardaba ofrecerchas feitas libro para que puideran coñecerte naqueles anos nos que comenzabas a despuntar como home libre e a contracorrente.


Qué fermoso é o outono nestes paraxes castroverdenses onde naciches no 1949. Vinte anos despois, atopámonos e nunca deixamos de ser amig@s dende daquela. Pero quixo o destino que te foses algo cedo demais, deixando unha obra intensa que gobernar e coidar. Destacaches tanto na escultura como na escrita. O teu arte non ten límites porque todo en tí era iso. Mesmo os teus discursos improvisados eran arte impactante para os ouvidos e para a vista, porque tí vestíaste para actuar a vida.


Gustóume o roteiro que, dende hoxe, estará adicado a tí. Sentímoste con nós. Pode que o teu espíritu nos ouserve e nos acompañe e saibas que te queremos. 

Despois de subir ao monte da Lomba dende o que se ofrece unha fermosa panorámica das terras de Castro Verde, eran xa horas do almorzo de confraternidade que nos agardaba nun restaurante da vila.

Pola tarde, aínda que ti non eras moito de igrexas, iamos ter un concerto e unhas lecturas  na igrexa parroquial de Castro Verde. Zanfoña, violín, acordeón e piano, xunto coas voces case celestiais que acompañaban facían do lugar algo sublime que de haber ceo, chegarían ás mesmísimas portas dél.


A igrexa estaba chea. Moita xente que non acompañóu no roteiro, viñeron pola tarde para poñer fin a unha xornada que agardamos se continúe cada ano para que o teu recordo, o teu nome, e todo o que ti fuches e fixeches non caiga no esquecemento.

Unha aperta, Paco

martes, 11 de outubro de 2022

A RADIO E EU

 

Así era, mais ou menos, a primeira radio que houbo na miña casa. O primeiro medio que eu tiven para comunicarme co resto do mundo aínda que fose so receptora e non emisora.

Lembro como pegaba a orella para escoitar as radionovelas da tarde, ou os discos adicados, ou algún programa de mulleres como aquel de Elena Francis, que daba consellos para todo.

As radionovelas nas que Matilde Conesa e Pedro Pablo Ayuso, poñían as suas voces de actor@s radiofónicos. Radionovelas como La Orquídea ou Los Incas...

Polas noites, como había taberna e xuntábase xente, escoitabamos A Perinaica, na que saían novas que estaban prohibidas polo rexímen franquista. A emisora emitía dende Andorra, segundo me dicían os que a escoitaban.

Sempre fun medrando a pé de rádio. No coche, cando vou conducindo levo a radio posta. Prefíroa aos CD´s. Na casa, acostumo poñer a radio para bailar ao son  que me toquen, así non teño que escoller eu as cancións.

Ultimamente, as radios que teño estan todas vellas e funcionan mal. Hora ía sendo de mercar unha nova.

Mirei en moitos sitios e non atopaba a que buscaba. Pero para iso está o Internet! Hoxe chegóu a que pedín fai uns días. Xa a puxen a funcionar aínda que non entendo ben cómo funciona. É de carga solar, ten para MP3, tarxetiñas para baixar música do móbil ou do computador, función de linterna, altofalantes incorporados de moita potencia, que é o que non tiñan as outras; así podo escoitar ben sobre todo cando a poño para bailar.

Estou encantada con este aparello de cor azúl. Con razón lera nun comentario que se afastaba dunha radio "de vella". Eu non son vella nin o quero ser! Así que unha radio destas características darálle un toque de xuvenil ao meu fogar.





domingo, 2 de outubro de 2022

RUTA DO MUIÑEIRO NAMORADO

 


Domingo, 2 de outubro, un mes que leva cinco luns e cinco sábados, cousa que so sucede de cada oitocentos e pico de anos! Por tanto, un mes máxico, que empeza quentiño e anima a facer rutas por paraxes case inéditos.



Atopeime coas compañeiras de andaina na Pontenova, lugar emblemático no transporte de ferro ata a saída ao mar en Ribadeo e que conserva a antiga via do tren e os fornos que se aprecian na foto.



O río Eo ao seu paso pola Pontenova faime sentir fachendosa porque é o río que me víu nacer onde él nace, a 36 kms deste lugar.



O carreiro, vai a carón dun regato cantareiro que nos aleda co seu son e no que aparecen fervenzas de todo tipo. Temos que ir unha detras de outra. É unha ruta de muíños, e un deles ten unha lenda curiosa que se pode atopar no internet co título "O muiñeiro namorado".



Trátase dun roteiro catalogado fai pouco e que é un dos últimos que ofrece o concello de A Pontenova, e que destaca `polo seu interese en facer do seu concello unha zona turística e moi visitada. De feito, está ben sinalizado e coas infraestructuras necesarias e en harmonía co entorno natural.



Esta curiosa fervenza preto dun muiño en ruínas, chamóu a nosa atención pola súa estética.



Tamén dispuxeron algunhas zonas con mesas e bancos para comer, descansar, quedarse de sobremesa, catro mulleres, tres xóves e unha que podía ser nai delas, na que nos contamos historias das nosas vidas de mulleres e que tan ben nos sentan esas tertulias, aínda que sen café que acompañe.



Como podemos apreciar, son os muiños do Cairo os que fomos atopando por todo o camiño.



Despois da sobremesa, dirixímonos á mina do Cairo que nos estaba lonxe pero que tiña unhas empinadas costas que subir e logo baixar. Mereceu a pena explorar un pouco o túnel da mina e facer unhas fotos na súa entrada.




Esa son eu, aínda que nona pareza pois as fotos en boca de mina non sempre saen coa nitidez desexada.



Feita dende o interior do túnel con ese contraste de luz-escuridade serve para poñer punto e final o que foi o percorrido de ida. Logo tivemos que desandar o camiño que se me fixo moito mais corto

Rematamos facéndonos unha selfie das catro componentes da expedición pero nona colgo aquí porque non pedín permiso para facelo. 

O que sí, acabamos nunha terraza do que foi a antiga estación de tren na Pontenova tomando unhos xeados de chocolate que nos reconfortaron do esforzo realizado e que nos levóu dende as once da mañá ata as cinco do serán.

Coñocer xente e compartir un roteiro penso que é un exercicio de socialización que senta ben de vez en cando.

Grazas, compañeiras!

venres, 30 de setembro de 2022

DESPOIS DA CHUVIA

 



O mar eche a ti o que a min a montaña.
Respiro o bafo das súas entranas
como ti o salitre das ondas rompentes.
Refresco a alma no orballo remanente.
O silenzo acouga os meus ouvidos
neste mundo calado para sempre.
A natureza goberna a paisaxe,
vistíndoa á súa maneira.
Ata os paxaros durmen
a chegada do aoutono
en profundo silenzo
que apousa como pó
nos andeis de madeira.
A chuvia pasóu lenemente
calmando a sede da terra.
Todo segue o seu orde
e trala chuvia ven o sol
que da luz e morneza
neste fin de setembro,
camiñando sen preguiza.

domingo, 25 de setembro de 2022

TEMPO DE VENDIMA


Era polos anos setenta, cando comezamos a facer as vendimas en Francia. Acostumaba ir cunhas amigas que fixera en Salamanca. Despois dun verán traballando na hostalaría na Costa Brava e en Holanda ou nunha fábrica de chocolate en Suíza, era como continuar a nosa itinerancia alongando así o tempo de traballo ata que dera comezo o novo curso nos nosos respectivos lugares de orixen.

Encontrar o primeiro traballo nas vendimas en Francia, non foi cousa doada pero sí moi afortunada. Había centos de persoas coma nós, agardando pola oportunidade, arredor dunha estación de tren en Libourne. Tivemos sorte de que nos escolleran entre tantos e tantas. Antes de que iso acontecera, deambulamos por lugares da veciñanza durante unhos días, durmindo ao rás e comendo froitas que apañabamos polos camiños. Eramos un grupiño de cinco ou seis persoas de distinta nacionalidade. 

Ate que o párroco do lugar nos acolléu na súa casa, nos deu de comer e un sitio para durmir. Ao día seguinte levóunos xa á un cháteau da súa confianza  na comuna de Pomerol.




A familia era moi acolledora e procuróunos sitios para dormir e as tres comidas do día estaban aseguradas en boa mesa con boas viandas e viño o que quixeramos. Case todos e todas eramos xente xove, estudantes mais deles e delas e había bo ambiente entre nós.




 Case unhas vinte personas compoñiamos o grupo, como se pode apreciar nesta foto. Pasabámolo moi ben alén de que o traballo era intenso pero cun horario de catro horas pola mañá e catro pola tarde. 

Empezabamos o día cun bo almorzo de garfo: queixos, patés, ovos... e subiamos ao remolque de tractores ou fugonetas para ir ata os viñedos que malia que estaban preto da casa, o tempo era ouro e non cumpría demorarse. Había disciplina no horario tanto para empezar como para rematar. 

As mulleres e algúns homes tamén, cortabamos e os carretadores eran case sempre homes. Levaban unhas mochilas acampanadas nas que iamos baleirando os nosos cestos. 

Os xantares e ceas eran abondosas e variadas, con comida ben cociñada que xa tiñan prevista para o tempo das vendimas. Habia carnes, hortalizas, queixos, ensaladas...

A vila quedaba algo afastada para ir a pé, así que, como acababamos moi cansados e cansadas, faciamos a festa alí entre nós.

Seguimos indo anos despois, cada tempada, a distintos lugares en  Cognac, La Rochelle. Concretamente aos viñedos de  Pineau, cos que se elaboran sabedores licores e onde as vendimas comezaban mais tarde. Alí xa nos fixemos case da familia. Ata nos felicitabamos o Nadal. 

Sempre lembrarei aquel tempo con cariño e algo de nostalxia pola dose de liberdade que fun estreando na miña vida dende ben nova. Aprendendo a falar francés tamén e empapándome da cultura do rural, lonxe de París e cidades ás que moita xente quería ir.



"Ramassez les raisins

 qui sont per terre!"

"Vite, vite...!"

Así colleitabamos

as uvas en Libourne,

na rexión de Pomerol.

Após un bo almorzo

na maison. No remolque

dunha furgo ou  tractor

partiamos aos viñedos

ás oito  da mañán.

"Allez,, vite, coupez, coupez...!

 Ás doce, volta a xantar,

 bo menú e viño sen faltar.

Repousar a comida

e volta a traballar

ata as seis sen parar.

Tempo para desfrutar.

Boa cea, bo durmir.

Moito para nos divertir.

Os sonados viños de Burdeos

pasaron polas nosas mans.

venres, 23 de setembro de 2022

o piñeiro de Muiñeiro




 O piñeiro de Muiñeiro

sempre me chama a atención

cando paso ao seu carón.

Ten un porte diferente

aos piñeiros do lugar.

É o piñeiro que a min

me gustaría plantar.


QUERIDOS/ QUERIDAS LECTORES/LECTORAS, VOU ESTAR AUSENTE DO BLOG UNS DÍAS, POR ISO DEIXO CINCO ENTRADAS, TODAS POEMAS, PARA QUE NON ME BOTEDES DE MENOS. DESCULPADE. ABRAZOS

misty moisty







 O bafo da terra, o alento das árbres,

dilúe as fronteiras entre os elementos

e tende un veo translúcido  como a alma

que se esvae amodiño ceo arriba,

para dar paso á transparencia do día.

morrín onde nacín




 O mundo é grande.

Eu non son nómada.

Aquí, víronme nacer

estas montañas e val.

Un punto de mira...

que sigo mirando

e non me cansa a vista.

Os camiños son longos

e non teño vinte anos.

Percórroos coa ollada

dende o sillón da sala, 

dende os libros que leo

e síntome igual de feliz

como se eu os andara.

A mesma paisaxe muda, 

cada día me sorprende,

tráeme lembranzas

e cores diferentes

e sentires novos

e novos despertares.

Un día quixera escribir

a modo de epitafio:

"O mundo percorrín

e morrín onde nacín"


cortinaxe vexetal

 Con estas vistas, relaxo,

leo, escribo, penso,

visito xente.

Con esta cortinaxe

protéxome do mundo,

aíllome do que dóe.




collage

 Contestando á pregunta do Facebook:

What`s on your mind?


On my mind:

recendo a pan na cociña,

as fotos dun pasado

gardadas no faiado, 

as mascotas que 

me acompañaron,

as pelis de Charlie,

os outonos de froitos,

os somieres cansados...

Fago con todo un collage,

alí onde paso as horas 

coa fauna mais querida,

vello taller de meu pai,

o meu camping no verán,

un museo inexistente

que se pasea nos soños, 

un `jumble sale` que tamén

nos soños anda prendido.

Mil ideas que se apuran

para reter o vivido.



venres, 16 de setembro de 2022

TARDE EMOCIONAL

 É bastante inusual, verme percorrer a muralla o bo paso, nunha tarde entre as seis e as sete na cidade de Lugo.

Non quería retrasarme para a presentación do libro de Sonia Melón Parente, "DENDE A MIÑA FIESTRA", que tería lugar na libraría Trama ás sete do serán.

Así que, como digo, a bo paso e deixando que o vento abatanase o meu penteado de peluquerría e desfixera os tirabuzóns que tan caros me saíran, fun facendo fotos dos lugares que me gustaron e que xa case os tiña esquecidos.



Aquí pódese apreciar unha rúa estreita que parte da Praza do Castelo, cun edificio ao fondo que debeu ser Radio Lugo nalgún tempo ido e na que eu tiven participación directa nun programa.



 As torres da Catedral e o colexio dos Maristas co seu patio onde aínda xoga algunha rapazada.


O edificio da direita, coa cúpula, é o Círculo das Artes. Teño asistido a algunha conferencia cando estudaba na cidade. Ao fondo, a Praza Maior, chamada Praza de España tempos atrás.



Gustóume esta foto da Catedral, coa árbore en primeiro plano e unha vivenda das que dan á Muralla e ofrecen patios onde acostuma pousarse a ollada indiscreta dos e das transeuntes.



Imposible pasar por diante da Catedral sen facer unha foto. A esta hora da tarde está maxestuosa!

Achegándome ao que foi nalgún tempo o "barrio baixo", as Tinerías,  e no que se fixeron restauracións de edificios que eran pazos, hoxe convertidos en aloxamentos ou mesóns.



A prolongación  da Rúa Nova, hoxe sería rúa vella tamén chamada rúa dos viños na que asoma unha punta da torre da Catedral, sempre presente por onde queiras que vaias.



Ahí remato a miña andaina e descendo polas escadas da Praza do Ferrol para dirixirme sen demora á libraría Trama.

Na galería da entrada xa hai un grupiño de xente coñecida e outra que me presentaron e quedei case como estaba. Agardabamos a Sonia Melón, como quen agarda a unha estrela porque hoxe era o seu día de escintilar para nós e achegarnos ao seu libro recén saído do prelo.

Deixei que saudara a destra e sinistra antes de solicitar o seu tan ansiado abrazo que nos tiñamos prometido namais vernos. Estaba radiante, fermosa como ela é, e coido que moi emocionada de verse entre a xente que a apreciamos e queremos.

A presentación foi como estar nunha tertulia literaria, moi sinxela, moi íntima e familiar onde poidemos falar e intervir cos nosos comentarios. 

Mentres agardaba a que comezase, dinme unha voltiña polo seu libro porque non podía coa curiosidade de ler algúns poemas que non coñecía. O que vin, gustóume. O libro todo en sí, está moi ben e merece a pena telo nas mans. 

Debido á miña aversión a nocturnidade, tiven que sair antes de que acabara o acto para poder chegar de día á casa. E aquí estou aínda, prolongando o sabor que me deixóu unha tarde en Lugo, no fin dun verán bastante literario.



sábado, 10 de setembro de 2022

STILLNESS

 



Unha tarde perfecta!

Como a min me gustan

en setembro.

A morneza que abraza, 

que demora as presas,

que aloumiña a alma.

Nin calor nin frío

ven no vento tibio.

Un amor que adormece

os sentidos.

As follas das árbres,

e as herbas a pé de camiño

quedáronse mainas

e mudos os rechouchíos.

Un mundo calado

déixame sentir

un profundo engado.

Cada tempo do ano

é único e válido

como os tempos

das nosas vidas.

So hai que aprecialos!


AS "efes" de FROXÁN

 


É o marmurio da auga,

é o ornear de Panchiño,

o ladrar de Fávio

que garda a Filomena,

a Folerpa, ovellas de Froxán.

O carneiro Félix, namorado

de Frozen.

O bule bule de Fuco,

a presenza de Fento,

mastín cachorro xoguetón.

O corvo Facundo

esperta a todo o mundo,

neste Froxán profundo

onde todo empeza por "F"

ata as minas de San Fins

teñen "efe" no wolframio.



AO CAER A TARDE


 


Un campanario sen cegoñas,

un cemiterio sen estética,

un vía crucis declamado

por quen tiña fé a cegas.

Unha néboa que acubilla

as aldeas da montaña.

Un val en forma de uve,

un río no fondo, fondo.

Unha tarde que se apaga

o sol que aquece o lombo...

A maxia ao caer a tarde

envolve todo nun soño.

Delúese paseniño

o presente co pasado.

luns, 5 de setembro de 2022

RÍO ADENTRO EN MAR DE FORA

 



Parei na Picota a recoller a Maricarmen Rey Núñez, que me acompañaría a presentar o meu libro Río adentro, na Casa do Arco en Fisterra (Finisterre)-
O primeiro que fixemos foi camiñar ata a praia Mar de Fora. Era unha tarde espléndida de sol e luz. 
Contemplar aquela fermosura natural foi encher os ánimos para o momento que nos agardaba. 
O segundo, recoller unha empanada de mazán que encargara para a ocasión, nunha panadería á que lle teño devoción, e que ademáis é dunha antiga alumna do Centro Martín Freire, chamado, agora, Mar de Fóra, no que pasei os meus primeiros dous anos de mestra.
Logo, perdémonos polos camiños estreitos da Fisterra interior ata chegar ao Porto. Eu, por gastar bromas, preguntaba de vez en cando se íamos ben por alí... Non me perdo en Fisterra, por cambiada que esté agora.
Atopamos un sitio ao gusto para tomar algo e dirixímonos á Casa do Arco, Chalé de Vilas, que ven sendo unha especie de fortaleza medieval na que se ubica actualmente a biblioteca Fisterrán.


Era un sitio pequeno pero acolledor. Revestidas as súas paredes  cos andeis de libros, non podería ser mellor lugar para a presentación doutro libro que pasaría a ocupar un posto nun dos andeis.
Empezaron a chegar as miñas amizades e outras persoas que me resultaban coñecidas e que mais tarde souben quen eran. 
Déronnos a benvida a concelleira e a técnica de Cultura que prepararon todo con agarimo.
E como non podía faltar a música, alí estaban Moncho, (un antigo alumno que musicóu un dos meus poemas a Fisterra), e os seus sobriños, con duas gaitas e un saxo para tocar duas pezas de entrada e logo outra de despedida.


Maricarmen, fixo unha presentación moi amena, coa sua facilidade para contar cousas, acostumada a escribir novela e poesía tamén, pero sen inventarse nada, dou fé diso, acabóu por bordar a miña historia como muller e como aficionada a escribir, rematando cunha entrevista que, segundo ún dos asistentes, non tiña nada que envexar ás presentadoras da tv. E, alí, como a carón dunha lareira, entre amig@s, fun deixando as miñas espidas respostas sobre diferentes quefaceres do transcurso  da miña existencia de "muller contracorrente", como dí Manuel Vázquez.
Fomos agasalladas cuns lotes de libros, entre os que se atopa o dun rianxeiro, Anjo Muíños, a quen coñecín fai pouco e do que xa lera un poemario. 
Houbo libros tamén para os músicos e pareceume un bo detalle por parte das encargadas de Cultura do Concello de Fisterra. Vese que hai moito interese en espallar e dar a coñecer as obras de autores e autoras das nosas bisbarras.



Acabamos puntualmente ás 20:00, logo de repartir apertas e sinaturas e facernos fotos.
E xa, sen demorar mais, puxémonos camiño de volta ata a casa da miña presentadora, onde nos agardaba unha degustación de productos procedentes de diversos sitios: viño de Oporto, xamón de Badaxoz, queixo do Cebreiro elaborado en Castroverde, empañada de mazán de Fisterra, tarta de Santiago de panadería local e moitos outros manxares da horta de Maricarmen. Coñecín á súa familia, incluíndo a Rufo, o seu can ladrador pero pouco mordedor.

Á mañá seguinte saín para Lousame onde deixara a miña Noa, e xa, de novo, regresamos a Fonteo.
Foi unha viaxe de lecer, de familia, de darme un baño de amizade e lembranzas dun tempo ido.