www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 23 de marzo de 2026

DE SISTELO AO CEO




 Xa ía sendo hora de abandoar a hibernación e sair a percorrer mundo e coñecer lugares marabillosos que temos ao alcance da man, desfrutando da natureza, da compaña de xente agradable, da gastronomía e aprender novas cousas.

Foi así que me apuntei a outra das viaxes que organiza Galicia Infinita, malia ter que madrugar e viaxar aínda con noite ata Lugo, punto de saída do autobús cara ao norte de Portugal, no entorno do Parque Natural da Peneda-Gerês.



Entramos nunhas estradas moi estreitas e cheas de curvas que daba un pouco de medo pero coa emoción e a espectativa de chegar a ese coñecido lugar coñecido  polo "Pequeno Tibet Portugués".

Comezamos o roteiro  ECOVÍA  que vai a carón do río Vez. Un tramo de uns 15 kms entre pasadizos ou pasarelas de madeira e camiño de pedra, deixando o río á nosa dereita en sentido Sistelo que sería o último lugar da ruta que na súa totalidade ten 32,5 kms.


O día era primaveral e a paisaxe de arboredo ofrecía frescura. Acompañados sempre polo son da auga  e os rechouchíos dos paxaros en perfecta harmonía orquestral e variando segundo fose o tramo, unhas veces o río ía rápido, rompendo en múltiples cortinas de fervenzas, outras, silandeiro e tranquilo, rezagado...

Nos primeiros tramos, as pasarelas ou "passadiços" estaban bastante deteriorados polos temporais do inverno; case desfeitos e algo perigosos. No último tramo eran máis actuais e estaban en moi bó estado de conservación. Atopamos lugares con piscinas naturais e pontes feitas con grandes pedras que servían para atravesar dunhas a outras.



Estabamos un pouco impacientes por chegar a Sistelo, a ese pequeno Tibet portugués do que nos falaran, considerado unha das sete marabillas de Portugal e candidato a Patrimonio da Humanidade.

Algúns non acabamos o tramo previsto e collemos o autobús antes dos últimos 9 Kms que nos faltaban para chegar ao destino pero xa se nos ía facendo moito camiño e incluso un pouco monótono pois todo era polos pasadizos e o río xa nos ofrecera o mellor de sí.



Cando chegamos a Sistelo, pareceunos unha aldea moi pequena. Rodeada de altitudes que se desparramaban en socalcos ou bancais formando lorzas e con casiñas que daban fé de que alí, preto do ceo, vivía xente e pacían vacas Chechenas nos socalcos, entendemos que se considerase o Tibet pese a estar tan lonxe de Asia.

Adentrámonos no seu núcleo granítico onde todo estaba á man e cabía nun puño: igrexa, castelo, ponte medieval, viacrucis,  tendas nas que podías mercar tanto cousas de artesanía como bebida ou comida.

Tivemos tempo de saborear aquel entorno tan peculiar mentres agardabamos polo grupo que sí acabóu o roteiro a pé, como estaba previsto.


Despois, continuando por esa estrada tan estreita e con voltas, e sendo máis das tres, hora portuguesa, dirixímonos a un restaurante no que xa nos agardaban. Era un macro restaurante cheo de xente, cun asador xigantesco en forma de pote no que se asaba unha deliciosa carne de vaca Cachena ?. 

Xantamos ben, con ganas. Tamén degustamos o viño da rexión, un viño afrutado, parecido ao Albariño. Despois de todo, a nosa Ribeira Sacra ven sendo a parte galega dese pequeno Tibet.