www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

luns, 29 de setembro de 2025

CUDILLERO

 


Onte, 28 de setembro, levanteime ás 5.00 da madrugada para coller o autobús en Lugo que nos levaría a Cudillero, Asturias. Viaxábamos co grupo de Galicia Infinita, unha empresa adicada ás viaxes turísticas con base en Sarria pero que recolle tamén en Lugo capital.

Chovía nas primeiras horas da mañá e non paróu ata que chegamos a este lugar, considerado un dos pobos máis fermosos de España, situado na Comunidade do Principado de Asturias, ao norte da península ibérica.

Alí xa nos agardaban duas guías que nos acompañarían durante o noso percorrido por esta vila que parece descolgarse das ladeiras das montañas que a gardan, como se fose unha enredadeira. A súa forma é de "V" ou de cóbado, parte do brazo. Pode que de aí veña o nome de Cuideiru, que é como se chama en Bable ou no dialecto propio desta localidade que nacéu sendo un pequeno porto pesqueiro para se convertir no máis importante de toda Asturias.


Empezamos polo porto que é o que está na parte máis baixa e dirixímonos a unha praza na que se poden ver as antigas casas dos pescadores, pintadas en cores alegres coa pintura que lles sobraba de pintar os barcos. Nesa parte baixa é onde se encontran os bares con terrazas, as tendas de productos típicos, como é a sidra que se toma nunhos vasos grandes unha vez que se maza no reborde do vaso, antes de forma artesanal por escanciadores e agora xa de forma mecánica. Un culín que non pode faltar para coller folgos se nos diriximos aos miradores da parte máis alta, uns setecentos e pico de metros de altura sobre o nivel do mar.


Alí dividímonos en dous grupos de vintecinco persoas, cada grupo con súa guía que nos falaba por altofalante e podiamos escoitar todas as explicacións que nos ía dando. Empezamos por subir por calexóns estreitos e moi empinados, parando a ver os restos de muralla que tivo no seu día, con canóns apuntando a ensenada dos que se conserva un resto que está chantado no medio da praza.


No edificio que hoxe alberga o Concello, houbo arredor do S.XIII un señor feudal que tiña ao pobo subordinado ata que a unión de todos os habitantes lograron desfacerse das ataduras e vivir en liberdade. Eles mesmos construíron a igrexa de San Pedro, á que agarimosamente lle chaman La Catedralina, e da que se senten orgullosos. Garda a mesma forma orixinal pero convertiuse nuha igresa moderna e moi acorde coa arquitectura do lugar. Na seguinte foto é o edificio que sobresae no lado esquerdo.


Segundo subiamos ora por escaleiras ou por calexóns, (caleones no seu dialecto) chamóunos a atención unha especie de muricegos pendurados dos balcóns. Non eran tal senón pequenos tiburóns abertos como se fai co bacalau cando se pon a secar. Con eles elaboran un prato típico de Cudillero que xa só se pode probar nas casa particulares e que se chama "curadito". A pel do peixe, unha vez seca, é unha lixa que pode quitarlle o óxido a calquera ferro.


Cudillero ten uns cinco mil habitantes na actualidade e vive máis que nada do turismo, especialmente no verán e tamén durante o ano. Por eso hai moitos hospedaxes, nos sitios máis escondidos ladeira arriba seguindo a ruta turística marcada con barandas azuis e frechas brancas no chan, ben protexidas dos precipicios das ladeiras con excelentes vistas dende todos os ángulos.


Neste percorrido hacia a zona máis elevada na que hai miradores con amplas vistas sobre o mar Cantábrico puidemos descubrir a persoeiros importantes como pintores que plasmaron escenas desta vila en coloridos cuadros, algúns nados aquí e outros vindos da fora. Un deles foi Jesús Casaus Mechó, nado en Barcelona pero que vivíu en Cudillero.



Pasamos polo museu das caracolas ou cunchas que están pegadas na fachada e alberga cunchas de todo tipo no seu interior ao que non puidemos entrar por estar fechado no domingo.



Esta é unha ruta que vai a un dos miradores na parte alta. Todas as calexas están máis ou menos deseñadas como esta que se ve na foto.


Logo de xantar nun restaurante ás aforas de Cudillero no que degustamos as fabes asturianes nunha receta con cogumelos e langostinos  seguido de merluza con patacas fritidas e un doce de queixo que esstaba para comelo dun bocado pero fixémoslle pola vida coméndoo aos poucos, café para terminar e poñer rumo a Luarca que quedaba no camiño de volta e onde paramos primeiro a ver o suntuoso cemiterio no cume dos acantilados, rodeado de mar, con mausoleos impresionantes, baixamos ao centro desta localidade tamén mariñeira para ver o calamar xigante e sentarnos nalgúnha terraza con vistas ao mar.

Tería que dicir que se fixo unha película en Cudillero, "El Cristo del Océano", que aos habitantes do porto se lles coñece como os Pixuetas e aos do cume Caizos, unhos por peixeiros e os outros por comerciantes. E quen queira saber máis, que busque Cudillero na web.

Unha canción que acompaña ben esta crónica.







domingo, 14 de setembro de 2025

ARXIMIRO VIVE!!




 A cita de onte, sábado, 13 de setembro de 2025, tiña como obxectivo facer unha andaina polos lugares do mestre republicano, represaliado polo franquismo, vilmente torturado ata acabar coa súa vida cando tiña 32 anos.

Hoxe, 14 de setembro cúmplense 120 anos do seu nacemento e quixemos renderlle unha homenaxe facendo un percorrido dende os meandros da Cortevella, Martín, (Valeira), non precisamente ata o lugar no que naceu e exerceu de mestre, San Bernabé, e do cal partíu para non volver, levado á forza por unhos falanxistas sen escrúpulos que fixeron do seu traxecto ata a morte un calvario de salvaxadas que arrepían so ao escoitalas despois de estar silenciadas tantos anos, por medo, por ser un tema tabú do que non se quería falar. Pero encamiñamonos a outro lugar no que tamén fixo escola particular, antes de chegar a ser mestre oficial naquela época na que apenas había escolas públicas, e que o ensino, sobre todo no rural era levada a cabo por mestres chamados escolantes. Arximiro, facíao por vocación e por ganar para acabar os seus estudos.




Así que chegamos a Mendreiras, unha aldea de Martín, case no cume da Marronda, con amplas vistas arredor, con máis hórreos que casas, por certo restauradas e coidadas as máis delas, nas que se vía que viña xente na fin de semana e polo verán, casas que seguen restaurándose porque uns polos outros, todos queren que as súas casas sexan coidadas e conservadas xa que son a historia dunha aldea, dunhas xentes que viviron aquí na montaña, afastados dos lugares máis poboados nos que había feiras e comercios.

E logo de ver e admirar e fotografar este conxunto rural tan armonioso e cheo de vida, agardábanos unha sorpresa nun lugar afastado da aldea, entre fragas que ofrecían silenzo, paz, natureza pura, chegamos á escola de Mendreiras que foi feita polos veciños e veciñas polos anos 40 e que durmía entre a maleza, esquecida e sentenciada a morrer  e ser engulida pola floresta, pero que foi rescatada fai un ano, polos veciños que quedan, e decidiron convertila nun centro social, na casa do pobo, nun lugar de encontro para sentarse a contar cousas, a compartir convites e darlle algo de vida a este lugar tan recollido na montaña. 



Alí atopamos un lume que quentaba todo, unha cociña na que facer un café, unha grande mesa chea de manxares de todas clases, bebidas, doces, noces do lugar, andeis con libros, obxectos antigos... e todo alí agardaba para agasallarnos, con bebidas postas a enfriar nunha tina con auga... non faltaba detalle!



Tamén nos agasallaron coa intimidade, deixándonos ao grupo desfrutar en solitario dese momento tan especial, para poder falar e lembrar ao mestre Arximiro Rico Trabada, de tanto como él se preocupóu por espallar cultura entre as súas xentes, do legado que deixóu, do prezo que tivo que pagar por ser unha persoa entregada á súa tarefa de ensinante concenciado, de querer dar luz ao pobo, de ter liberdade de expresión, por non facer mal a ningúen. Así foi daquela, nos tempos escuros da guerra inútil entre irmáns. Arximiro morreu no 1937 en plena contenda civil en España.

Pero alí puidemos ler os poemas que lle traiamos, e unha peciña teatral lida a dúo, pois Arximiro tamén facía teatro na súa escola de San Bernabel.

Nesta casiña da fraga, escola veciñal, fomos recibidos cunha carta de benvida sobre a mesa. Como se os gnomos da fraga da Marronda ( que por certo había varios no centro da mesa),  nos tiveran preparada esta acollida, pero deixándonos ao noso aire!



Grazas ás veciñas e veciños de Mendreiras, por esta oportunidade de compartirmos algo do seu e darnos a coñecer como cambian os tempos, como cando se ama, se poden facer tantas cousas, porque esto é unha proba de amor ao sitio onde naceron aos seus devanceiros e devanceiras e queren conservalo.

Volveremos!



E aquí deixo algúns dos poemas que se leron alí:

A túa curta vida

Rica en cultura

Xa recolle os froitos

Incomprendidos daquela.

Mestre de luz fuches

Impartindo saberes

Renovando a escola

Oferecendo axudas

Abrindo concencias

Respectando normas

Xerando inquietudes.

Ira dos iñorantes

Medraba como hedra

Invadindo a túa vida

Roubándoche o dereito

O dereito a estar vivo.


Beatriz Pin Díaz

(Acróstico)




A lus viches no belo San bernabél

Rente ó val as fontes correndo;

Xa eras un neno observador e xeneroso

Inquedo de espírito e pensamento;

Matinando sempre nos teus estudos

I´ê facéndote mestre, logo menciña;

Rompendo tendenzas  a impartir comezaches,

Observando a natureza e prantando.

Retumba a bil guerra no horizonte,

Índose a túa vida de bo republicán

Co desprezo mortal falanxista, 

Oscurecéndose Valeira corenta anos.

Tod´ô alumnado da túa escola

Recorda sempre o teu bo maxisterio:

As materias de campo, as obras teatrais...

Bachilleres e doutores sacaches,

A universidade do San Bernabél chamaban,

Dando de ti a mellor docencia

Á vecindade rigor ilumiñabas.


Antón Cando

(Acróstico a Arximiro Rico Trabada)






MORTE DUN MESTRE


En San Bernabé,

terras da Marronda, 

esbirros de Atila

petaron á porta.

Abriu Arximiro,

faro dos humildes,

prendido o levaron

pola serra arriba,

por quendas montados

a cabalo del.

Xa en Montecubeiro,

quitáronlle os ollos,

cortáronlle a lingua,

e máis os testículos, 

rematando o crime

a golpes e tiros.

Malditos canallas,

nunha atroz matanza

a vida segaron

dun home de ben,

bo e xeneroso.

Arximiro Rico,

mestre da República

o seu maxisterio

e a súa memoria

por sempre presentes

aquí seguirán,

nestas terras bravas

da Galiza mártir.


Xesús Trashorras