lunes, 1 de junio de 2015

EVOCACIÓNS

Na morneza da tarde, cando o sol aloumiña e o vento perde forza, gústame sentarme a ler na horta, rodeada das plantas que medran e das primeiras flores da primavera. Ao meu carón sempre Nóa, agardando un lance para subirse, repentina, ao meu colo e deleitarse cos últimos raios de sol, acompañándome e ofrecéndome a súa melosidade.
Camiñamos de mañá e de tarde por entre balados de xestas florecidas e arrecendentes que penduran no camiño polo peso das súas flores. Gamas de verdes, mais claros, mais escuros, estendese ao longo da nosa camiñada, refrescando a mirada e relaxando a mente. Vivimos nun val dun quilómetro de anchura. As montañas déixanse ver en perspectiva, sen agobiar, sen invadirnos, a ámbolos  lados do val. Apenas queda con quen cruzar a palabra pero ainda é posible. Pregúntome por qué a xente non ven aquí a sentir, a relaxarse, a pasear, a vivir a natureza, a admirar o próximo. Por qué a xente busca lugares afastados, considerados exóticos ou agobiantes cidades, viaxes incómodas, prezos descarados e experencias inéditas.
Cando camiño, véñenme á memoria historias de antes, de outros tempos, cando era unha rapaza e vivía cos meus pais na taberna. Sobre todo no inverno, cando a vecindade acudía para xogar ás cartas e contar contos ao redor da lareira, transformada xa en cociña económica con mesa arredor. Acostumaban ser de lobos, de aparecidos de cousas inexplicables. Algunhas tiñan acontecido de verdade como a de ser acompañados por lobos dende unha aldea a outra cando pola noite viñan de ver algúnha moza, ou de festas que tiñan lugar noutras vilas. Meu pai contaba moito a do can grandísimo que se lles apareceu atrancando o camiño por onde él a mais outro tiñan que pasar. Contaba que era grande como un xato e con ollos tamén moi grandes, que non era un can pero parecíao. O seu compañeiro tentara tirarlle unhas pedras pero o meu pai non lle deixou porque aquelo non era cousa normal e quén sabe o qué podía pasarlles. Ao final conseguiron afastarse daquela criatura sen ser perxudicados.  Outra vez, viña meu pai dunha aldea, de volta á súa casa e foi acompañado por un gato blanco que aparecía no pico da parede sempre que houbese parede e onde nona había, non aparecía o gato... Cousas así.... e moitas outras que ainda daban mais medo e que logo non se trataba de ánimas que requerían algo dos vivos senón de simples cousas normais como unha lucérnaga movida polo vento que emitía luz unhas veces e outras non..... Todo aquelo fascinábame de tal xeito que non me atrevía a subir soa ao cuarto, porque, entre outras cousas ainda non había luz eléctrica e tiñamos que ir cun candíl, vela ou linterna. Despois fun perdendo o medo a pasar por xunto ao cemiterio, e agora vou alí adecote, pero lémbrome cómo, vivindo miña prima a medio camiño dél e eu tamén, quedaba o cimiterio no medio, ela acompañábame ata pasalo e logo eu a ela para ir de volta e así interminablemente ata que non sei cómo saliamos daquél atasco.
Todo eso me acomete mentras camiño coa Nóa por estes sendeiros da miña aldea e penso que vivimos nun paraíso e que se pode ser feliz aquí como en calqueira outro paraíso que vaiamos percurar mais lonxe. E valoro o que temos porque ademais é fonte de vivencias pasadas, de terme criado aquí onde nacín e onde me gustaría morrer e que me enterren no cemiterio no nicho dos meus pais e que me poñan o vestido que mais me gustóu en toda a miña existencia e que gardo ben gardado para esa ocasión. E que saiban escribir o  epitafio que me defina a carón da miña foto mais siñificativa. A morte pode sorprendernos en calqueira momento porque é o mais seguro que temos na vida. Mentras, nada impide vivir e disfroitar da vida que cada día se nos ofrece para vivila con interés, con agradecimento e con contento.
E para rematar, teño que falar dos amorodos que recollo cada día antes de que se me adianten os compañeiros de horta que antes só comían as mais maduriñas pero agora, como ven que as recollo verdes, tamén lles valen esas e ao final véxome apurada para poder catar un amorodo.
Así é a vida, así as cousas da horta, así decorre o tempo mentras vivimos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario