jueves, 5 de febrero de 2015

DENDE A FIESTRA / FROM THE WINDOW

Boneco de neve á miña porta /Snowman by my door.






















Asomarme á fiestra ao levantarme pola mañá , atraída polo resplandor da nevarada, é unha sensación que se repite e que me fai  a mesma ilusión que cando nena e ao longo dos anos sucesivos. Ese cambio na paisaxe, a  virxinidade da superficie cuberta de neve, por onde ainda ninguén transitóu, as flores de neve vestindo as camelias ainda sen flor, o relevo que adorna e da profundidade a canto estivo exposto á ventisca da noite onde a neve se foi acumulando dun xeito xeométrico dando esa sensación de solidez aos obxectos, antes apenas perceptibles, a filigrana nas árbores e plantas que cobran formas aproximadas á flores inventadas.... todo eso a traves do cortinaxe animado das folerpas caendo sen cesar de xeito oblícuo cunha levedade semellante á das volvoretas, faime a mesma novidade qué ver o mundo por vez primeira e admírome de todo, e fago fotos panorámicas que logo non saen, e vou de fiestra en fiestra na percura dunha imaxe inédita que poida captar e conservar, mesmo envasar e enviar con papel de regalo e adornos dourados ás miñas amizades e coñecidos. Despois todo empezará a derreterse e o engado primeiro irá desaparecendo á medida que o día transcorre e a neve febreiriña se deixe comer pola galiña e eu, ainda na casa, con música clásica na radio, cas miñas compañeiras durmindo ou ivernando na mesma cesta, pasando do almorzo (elas), tomo o café de media mañá e fago reconto do pouco que fixen neste día, no que outras rutinas me agardaban, e penso que é bo momento para escribir, para non ter presa, para amainar a actividade e ivernar un pouco como Noa e a gatiña mentras os ratos roen as miñas sementes e deixan os sobres feitos biruta miuda con arrecendo a ratume.
Camelia nevada / Snowed camelia
Despois virá a tarde, e con sorte, o sol pode iluminar esta brancura e facer que as montañas cobren nitidez fotografable e levarei a cámara comigo no paseo con Noa para non perderme o que onte perdín por non ter precavido dabondo sobre o que podía sair ao paso.
Pero a mañá está gris,ameaza con chuvia e o vento sacude a neve das árbores e limpará as estradas e camiños abrandando a superficie nevada ata deixala chea de buratiños que se afunden ao paso.
Non hai boneco de neve na miña horta como antano! Pero no paseo de onte puiden ver ún que fixeron unhos nenos e alegreime de velo, non sen algo de nostalxia e pensando que tal vez, un día, volverá a haber ún ao pe da miña casa, e poñeremoslle sombreiro, bufanda e manoplas e mesmo unha rebeca para que non teña frío e aguante ben as xeadas.
Carballo nevado / Snowed oak tree.
Case media mañá, e o corpo parado, sen movimento, vaise quedando frío e pide un pouco de actividade física. Haberá que sair a camiñar a bo ritmo e deixar as primeiras pegadas, ou non!, nesta superficie inmaculada.
Despois dunha marcha a bo paso pola neve, coa Noa escollendo o mellor derroteiro, decidín facer o boneco de neve coa que me atrancaba as portas da casa e sen dedicarlle moito tempo, conseguín unha figura que resultóu á  miña imaxe e semellanza alomenos na vestimenta. Con eso quedei satisfeita por esta vez.Que nunca nos falten ganas de adivirtirnos coa neve!
Tuyas en reverencia!


1 comentario:

  1. ¡Ola Beaaaa!!!

    Que bonita esta a paisaxe toda branquiña sen igual. ¡Un espectáculo máxico que so se pode ver por esas paraxes de encanto! De en-soño digno de mirar e admirar.
    A camelia parece que está bordada de flores brancas, e un pracer inmenso ver as árbores todas branqueadas por a nevada. E o moneco quedouche precioso precioso con bufanda e todo. Gustei moito de esta magnifica entrada.
    E tempo de quedar na casa o quentiño dunhas boas brasas e con reservas de comestibles.
    Unha panorámica para non esquecer. Agora vou tomar algo, outro día paso de novo.
    Gracias Bea, por deixarnos esta beleza de estampa nevada, que eu aquí no podo ter, pois nos non miramos a nevada mais que na televisión, pero fai moito frío.

    Ben, déixoche unha aperta agarimosa e a miña gratitude e todo a miña estima. Biquiños moitos.

    ResponderEliminar