www.leriasdebea.blogspot.com

jueves, 28 de mayo de 2020

CHAMADA DO MAR





Dous meses e meio sen facer unha viaxe de lecer. So pequenas saídas para mercar comida ou para ir á botica. Despois, sí, moitos paseos diarios polos arredores, acompañada de Nóa, a miña cadeliña.
Hoxe, déronse as circunstancias perfeitas para achegarme á costa a ver o mar: mes de confinamento interprovincial ainda, altas temperaturas, sol na Mariña... Un día ideal para pasear pola praia, sentir o bico do mar, arrecender a súa brisa mariña, escoitar o son das gueivotas.... Nono tiven que pensar! Ainda que me preguntaba se sabería levar o coche por esas paraxes. Pero unha vez que tomei a decisión, nada puido determe. Con música na radio, escoitando Anduriña de Xoán Pardo, era como emprender unha longa viaxe polo oeste pero con fondo verde, papaventos xigantes, altas cumes e moitas flores. De novo sorprendeume a vista das chamadas "casas coloniais". Non son o estilo de casas galegas, senón de alén mar, da América conquistada, á que emigraron as nosas xentes e que trouxeron eses modelos de arquitectura copiados dalí, porque lles gustaba, por destacar, por a saudade que sempre acompaña os/as galegos/as que andamos polo mundo, aprendendo, copiando, facendo nóso o que é alleo e levando tamén o de aquí para alá. Fusionando e globalizando.



A esas hora da mañá, apenas había xente na praia. A distancia podíase gardar sen problema. Con mascariña só atopei outras duas persoas. Fíxenlles un guiño de complicidade. Pareceume que o correcto sería levala, tal cómo a norma indica, pero aquí, sempre se fixo pouco caso ás normas, ainda que son para que se cumplan. O feito de seguir as normas, denota responsabilidade, disciplina, acatamento, respecto por ún/unha mesmo/a. Pois se non se cumplen, estamos faltándo ao respecto ás demais persoas e poñendonos en perigo. Eso é algo que non levo ben neste país. Cando andiven por outros, observei cómo se facía turno para todo, cando aquí non entendiamos deso. Levamos moito retraso na educación cívica!



Pero voltando ao mar.....pasei hora e media camiñando pola veiramar. As ondas chegaban con forza e explosionaban en milleiros de gotiñas, que espero estiveran exentas de coronavirus. Respirar o seu iodo era como ousixenarse por dentro, onde a ferruxe comezaba a facer estragos. O sol acompañaba e pegaba con ganas, como poucas veces pega neses lugares do norte de Lugo. Souben escoller o día apropiado! Case nunca atino, cando, nos veráns, fago outras escapadiñas de cando en vez. É pasar Lourenzá, e xa todo se volta grisallo coa névoa. Mesmo dan ganas de dar a volta.
Cando empezaba a vir mais xente, decidín deixar a praia. Non me apetecía bañarme ainda que a auga estaba boa para a época do ano.
A falla de costume xogoume malas pasadas. Cando xa arrancara, decateime que me faltaba a riñoneira onde tiña o teléfono, carteira.... Din a volta e mirei ben se me caéra onde tiña o coche pero nada vin. Ata que apareceu dentro debaixo dunha bolsa.
Aproveitei para ir ao supermercado e alí, con tanto xel, luvas e bolsas, levóume todo o dobre de tempo. As pegatinas dos prezos dalgúns produtos quedaban pegadas ás luvas, as bolsas....E non sabía a qué atender, se a manter distancias, ou poñer as pegatinas no seu sitio....
Logo de sair ben desta proba, xa enfilei cara o meu lugar de orixe, escoitando música de novo. Co aire acondicionado posto, cousa que nunca utilizo, pero era tanta a temperatura dentro do coche que case me asfisiaba. Fun chegando para xantar, á miña casiña de pedra, onde non se nota o calor. Case hai que poñer xersei dentro. Así rematóu esta escapadiña tan desexada que me fixo voltar un pouco a "nova normalidade" á que temos que ir afacéndonos.

domingo, 26 de abril de 2020

DIA GRIS




Un día perfecto para "quedar na casa". Ainda que moitos nenos e nenas estarán coa mochila preparada para sair á rúa. Unha rúa mollada, alomenos aquí, na Galiza, para atoparse cun mundo diferente ao que deixaron a derradeira vez que voltaron da escola ou do parque....Un mundo inhóspito, frío, distante, raro, perigoso..... do que só se quere fuxir canto antes, porque este non é o mundo que queremos para o futuro ainda que o ceo e o ár sexan mais limpos, ainda que polo ceu non surquen avións que marquen interminables liñas rectas de fume contaminante, ainda que o silenzo sexa o mellor fondo para escoitar os paxaros, ainda que os violadores e ladróns non anden soltos, ainda que non teñamos novas de accidentes nas estradas, ainda que tantas e tantas cousas pasen ou non pasen,  este non é certamente o mundo noso, o que nos faga felices pero tampouco nos facía felices aquel que deixamos atrás, non. 
Entón, teremos que ir construíndo un mundo mellor, onde as cousas boas que pasan agora se combinen coa liberdade, coa responsabilidade, co sentirnos mais segur@s, no que as  malas novas non sexan o día a día, onde poidamos falar dun mundo que esta mudando para ben, menos globalizado, mais local, mais de perto ó nóso. Onde sexamos quenes de apreciar o que temos arredor: as persoas, as paisaxes, a natureza que viñemos degradando a pasos xigantescos, sen miramentos, con tal de dar renda solta a tantos outros anceios, sen pensar nas consecuencias.
Agora, hoxe... é un día para sentir caer a choiva miudiña, que vai mollando as plantas para darlles pulo no seu crecemento e no seu esplendor primaveral, porque a vida, ainda que tocada, segue e explosiona cada primavera, a pesar de todo, e de todos, allea ao que pasa ahí fora, dentro.....
E eu plantéxome qué facer con cada ser vivo que me come as plantas.Quero saber cál é a sua misión. Como é a sua existencia. Unha familia de caracois, criando, manténdose agochad@s "na casa", unid@s, protexéndose, axudándose.... Non é para desfacerse deles sen mais. Eu recólloos e levos lonxe das miñas plantas. Non son mais nen menos ca nós! Qué pouco sabemos das suas vidas!
Mentras se cociña o caldo de castañas, mentras o día está gris e borrallento, mentras non se escoita nada arredor, mentras Noa durme e non quere paseo.... eu deixo aquí as miñas cavilacións.....






sábado, 14 de marzo de 2020

CORONA VIRUS


Cando o mundo estaba tan entretido noutros asuntos, xurde, inesperadamente, sen previo aviso, o que pode chamarse, según o meu criterio, a terceira guerra mundial, en pleno século XXI. Si, un virus contra a humanidade, e a humanidade contra un virus.
Foi ocupando territorios, sen mais armamento que a súa capacidade de contaxiar. Primeiramente China. Ai!, alí tiña que ser. Hai tanta xente na China que secadra é unha maneira natural de selección da especie. Ataca aos mais endebles!
Logo, para a nosa sorpresa, foise estendendo en menos dun mes, por todo o mundo. Tardamos en reaccionar, en darnos conta que nos tocaba a nós, a NOS!, si, sen distinción de clases nin idades. Incluso á clase política e quenes rexen o mundo. Tamén a quenes traballan na sanidade. Deus, cómo nos veremos se acaban con aqueles que nos sanan, que nos atenden na enfermidade!
Pois sí, e con él veu o pánico xeral. Primeiro un tanto sutilmente foise introducindo nas nosas vidas, facéndonos cambiar de rumbo. Xa non se fala de paro, de refuxiados, de terroristas, de seccesionistas, de violencia de xénero, do cambio climático, NADA!, so se fala de CORONAVIRUS!
A pé de radio, tele, xornais, agardamos as próximas consignas. Cada día mais contundentes. Hai que evitar por todos os medios que este nemigo se estenda e se explaie como lle veña en gana.
Estado de emerxencia, estado de alarma, estado de queda: QUÉDATE NA CASA. Para algunhas persoas esto supón un verdadeiro suplicio. Falla total de liberdades. Cando antes protestabamos polo da lei mordaza, pola falla de liberdade de expresión..... Agora, aceptamos todo o que nos digan dende arriba. Os que mandan, mandan! E mandan polo ben de tod@s. Aparece a picaresca, o afan desmedido de acaparar bens, ainda que sexa o papel hixiénico, o símbolo deste acaparamento por autonomasia. Aparecen o racionamento, o mercado negro ou estraperlo. Tamén é verdade que vai aparecendo a solidariedade. Mesmo a clase política nos da exemplo co seu comportamento de querer arrimar o hombro, de non criticar ao adversario mais que na xusta medida, de querer mesmo colaborar e seren útiles!
As cousas empezan a seren doutra maneira ben diferente do que eran. Xa se pode facer teletraballo, (non sei por qué antes non), pódense facer quendas nos traballos, (conciliación da vida familiar, por fin). Estudar dende a casa por videoconferencia, que os restaurantes che sirvan a domicilio, que poidas ver cine, concertos sen ter que sair da casa.... e un sinfín de alternativas.
Se algunha vez tivemos algunha ventaxa quenes vivimos sós, agora case é un previlexio. E se por riba tes a sorte de vivir en casa con horta, estás de sorte! Alomenos podes ir cavar a ela, cortar a herba, arranxar o xardín, tomar o soliño.....Pero quenes teñen que confinarse nun habitáculo pechado, toda a familia xunta, deben ser días duros de levar, a menos que formen un pequeno mundo ben organizado e planificado no que teña cabida o traballo compartido, o divertimento, as conversas.... e eso se non está cada quén enchufado no seu particular dispositivo que lle sirve de cordón umbilical co resto da especie humana.
Será esto unha revolución? Tería o mundo falta dela e non só os chineses?
Cómo será o día despois? Seremos iguais? Cambiaran formas de vida, de hábitos? Xa nonos bicaremos nen abrazaremos mais? Aumentará a natalidade?.....
Moitas custións que se aglutinan no miolo a un tempo.....
O que sí sei, é que hai maneiras de cambiarnos por moi duras que semellen e aquel Deus que castigóu a Exipto cas doce pragas, o que castigóu coa lepra, ca peste e con tantas catástrofes....estaba buscando facernos mellores!

lunes, 9 de marzo de 2020

LEMBRANZAS









O paseo desta mañá tróuxome lembranzas. Ainda que o lugar non mudou de sitio, sí que cambiou a paisaxe e a distribución das fincas. O aparcelamento fixo daquel minifundio, un campo aberto, de praderío que non sabe de límites nin paredes de pedra ou chantos. Todo está aproveitado durante todo o ano alternando herva ou millo.
Pensaba que para ser un lugar pequeno e perdido en ningures, había duas casas con médico. As duas estaban emparentadas e viñan a ser as mais ricas, tendo caseiros e mandados e a axuda da xente do lugar cando a precisaban, que era case sempre.
A casa de Cuenzas, perto a miña, desapareceu debaixo da estrada. So fican a palleira, que tivo a función de garaxe para os autobuses e a casa do forno.
A casa de Escobar, no lugar de Abrairas, está íntegra, co seu xardín cheo de árbores froitales, as casas que ocupaban os caseiros e mesmo coido que tiña unha capela.
Daquela, poucas casas tiñan un xardín. O da casa de Cuenzas era con diseño xeométrico, e alí medraban as roseiras, e moitas outras flores  como os narcisos, os buxos e tamén marmeleiros.
D. Pepe, médico, tiña duas irmáns polo menos. Elas eran as que se ocupaban de que o xardín estivera de bo ver, pois dende a galería do despacho podíase contemplar no seu esplendor cando chegaba a primavera. 
Lémbrome que cando ía a ver as señoritas, os cuartos que eles ocupaban arrecendían a lexivia e dispuñan de cuarto de baño e tiñan luz eléctrica. Pero o que mais me levaba os ollos eran as enormes bonecas que parecian bebés. E eu, que nunca tivera unha, nin sequera pequerrecha!
Nesta casa estaba o correo porque ali durmían os autobuses que viñan de Lugo e que traían ós nosos familiares no verán cando viñan de vacacións e olían a Madríd. Eu acostumaba a ir cada tardiña a coller o correo. Ainda que so fosen os folletos que lle mandaban de propaganda ao médico e que os caseiros me daban para que xogase con eles.
Tamén comían algo que os demais non comíamos, croquetas! Eran feitas das sobras da carne de porco que se cocía no caldo. Como vivían en Madrid e viñan so nos veráns, traían estes costumes que aquí descoñecíamos. Por eso se lles chamaba dona Gloria....dona..... Os demais non tiñamos ese mérito.
Gustáballes estar asomadas polas fiestras e falar coa xente que pasaba pola estrada. Elas non participaban nos traballos, se acaso, algo na cociña para facer para elas cousas mais apetecibles que o caldo diario e as patacas con touciño que comían os seus caseiros. Tampouco ocupaban os mesmos espacios. A casa tiña a zona dos señores e a dos mandados pero vivían todos baixo o mesmo teito. Na planta baixa eran as cortes do gando que saían polo mesmo corredor que utilizaban as persoas.
Aqueles doutores ían polas casas cando os chamaban. Se o sitio era na montaña, tiñan que vir buscalos cun cabalo para levalos. Había que pagarlles en cartos ou en especies ou traballando para eles. Sempre me lembrarei do que D. Pepe de Cuenzas lle dixo a meu pai: "cada ún é médico de si mesmo" e aquela frase coido que me acompaña toda a vida pois se podo pasar sen ir aos médicos, moito mellor! e xunto con outra frase doutro médico mais do meu tempo que aqueles: " a persoa apropiada es tí" veñen a conformar un pouco a miña filosofía.
Deixo unhas fotos que fun facendo cando lembraba estas historias.




lunes, 24 de febrero de 2020

ENTROIDO VINTE VINTE




Un vintedous de febreiro, data moi siñificativa para mín, por ser o meu aniversario, madruguéi para unha viaxe a Chaves, Portugal, e baño de entroido por terras ourensáns.
Ainda que o día comezou un pouco mal para mín, tiven a sorte de poder continuar a viaxe. Dentro do malo, sempre hai algo que pode redimirnos.
Comezamos a nosa viaxe en Castro Verde, en autobús, cun grupo de xente do mais variopinto, acompañados/as de guía, de personal da axencia de viaxes... que fomos recollendo por Lugo e arredores.
A primeira parada que fixemos foi en Celanova, terra de escritores como Celso Emilio Ferreiro e Curros Enriquez. Alí visitamos o Convento de San Rosendo, fundador e inspirador de tanta riqueza artística. Unha igrexa con aires de catedral, sin lugar a dúbida e unha grandiosidade de edificio que hoxe está sendo útil no eido cultural e social dunha vila que ten, como Rianxo, o previlexio de ser cuna de escritores tan importantes para Galiza.
Dende alí,  dirixímonos a Chaves. Chegamos ao hotel á hora do almorzo e os que escollemos tarde de balneario, alí nos aventuramos e deixamos guiar pola bo facer do personal que nos atendeu en todo momento cunha profesionalidade poucas veces vista noutros lugares semellantes. Ata nos agardaban ca toalla quente ao final de cada sesión!
Quenes escolleron paseo pola vila, supoño que poderian  ver a sua ponte romana cas columnas de Trajano, o Castelo e outras cousas de interese, acompañados/as pola guía que sabía ben as historias dos lugares polos que fomos pasando.
Despois deste relax, o corpo pedía descanso, pero aveciñábase unha noite de Entroido a todo ritmo e xa comezamos a preparar os disfraces. Houbo quen os levabamos da casa e quen tivo que ir mercalos de última hora. Habería premios aos mellores!
O hotel, tivo a deferencia de ofrecernos unha sala para o noso grupo, decorada con motivos de festa de entroido, con escenario para actuacións e grupo de música que tocou sen pausa ata ben entrada a madrugada, ata que o corpo non aguantóu mais. 
A parella que levóu o premio, (unha noite de hotel con almorzo), ben o mereceron pois o contraste de garda civil/paiasa era algo que chamóu a atención de todo o mundo!
Ao día seguinte, despois do pequeno almorzo no hotel, onde había moita xente aloxada por mor das festas do Entroido, partimos hacia Verín, onde nos agardaba un desfile de cigarróns e comparsas do mais variado e retranqueiro. Nada como o noso Entroido! Penso que xa nacemos con él, pois a sátira acompaña sempre aos galegos e galegas onde queira que vaiamos. É o noso estilo de protesta por autonomasia!
Ao remate, ben entrada a hora do xantar, sobre as tres da tarde, fomos comer o cocido prometido a un restaurante local, onde disfroitamos da abundante comida ben preparada e na que no faltaron sorpresas! Pois estabamos tres de cumpleanos o día 22 e o 23, e alí se presentóu unha tarta, coas candeas accesas cos numeriños de cada quén, e que foi levada dende Lugo, aposta, e gardada en neveiras ata ese momento. Temos que agradecer esta xentileza a organizadora da viaxe, unha rapaza moi atenta que se ocupou do noso benestar todo o tempo. E non podía faltar un licor caseiro que trouxo unha parella e que foi a guinda dun xantar para lembrar!
Viaxe de volta, cunha tarde primaveral que aproveitamos para facer unha parada en Monforte de Lemos e xa entrada a noite fomos chegando de volta ós nosos fogares coa satisfacción de ter pasado dous días en boa compaña e disfroitado dun Entroido famoso como o de Verín, que xunto co de Xinzo de Limia e Laza, son xa os nosos clásicos!














domingo, 9 de febrero de 2020

EXCURSIÓN A PANTÓN



Embarcadeiro

Cando unha viaxe ten un motivo para facela, non hai dúbidas! Con catarro ou sen él, con frío ou chuvia e esta vez con paraugas que non se usóu, alá me fun!
Chegamos a Ferreira de Pantón, terras de Monforte de Lemos, e alí agardábanos Rosana, a que faría de guía perante a nosa visita.
Comezamos polo Mosteiro de Ferreira, das Bernardas, que ten unha interesante historia e riqueza arquitectónica. Non vou entrar en detalles xa que toda a visita está chea de datas, de estilos arquitectónicos que se poden atopar noutros medios. Alí mercamos algunhas lambetadas elaboradas polas monxas.
Convento de Ferreira
Seguindo camiño, fixemos unha parada para ver o Castelo de Maside, por fora e no que residiron algún tempo os condes de Lemos. Chama a atención a ventana de estilo plateresco, do que poucos exemplos temos en Galiza, tales como a fachada do Hostal dos Reis Católicos en Compostela ou a porta do Castelo da Ponte en Viveiro.
Castelo Maside
Non podía faltar unha paradiña no balneario de Augas Santas, e moito mellor tería sido poder pasar un par de horas nas súas augas, pero o programa da viaxe non permitíu mais demora.
Balneario Augas Santas
Logo fomos visitar unha igrexa da época sueva, S.XII, en San Estevo de Atán onde a nosa guía fixo unha extensa descripción da sua arte. Está no fondo dunha ladeira de viñedos. Baixar en coche ata ali non é nada doado polo camiño estreito e cheo de curvas pechadas que apenas dan para xirar. Eu pasei medo e baixei andando!
Igrexa de Atán

Agardábanos un xantar exclusivo na casa do barqueiro, xunto ao embarcadeiro e que leva por nome o que parece ser o primeiro topónimo da península Ibérica: MAIORGA.
Casa Maiorga (restaurante)
Un xantar caseiro e acompañado do viño local de Riba do Miño que nos soubo a gloria bendita, despois de tanta visita por vales sagrados, chamados Ribeira Sacra, ainda que a nosa guía non está moito de acordo nesa denominación, que di que é unha marca e que inclue a sitios que, como Ferreira de Pantón, non estaban antes dentro dela.
Para despois de xantar tiñamos a visita ó mosteiro de San Miguel de Eiré, S.XII no que nos detivemos un tempo escoitando todo o que a guía nos ía comentaba sobre o seu interés artístico e que se atopa, como xa dixen antes, en calqueira outra fonte de información.

San Miguel de Eiré
Outra das igrexas visitadas foi a de Fión, con ábside románica e pinturas do S. XVI.
Xa ben caída a tarde, non podiamos partir sen ver antes o Cabo do Mundo. Pois eu que pensaba que aquí en Galiza, era Fisterra a que levaba ese nome, parece ser que hai mais cabos e que non teñen o mar de perto.  Arredor dun montículo no que se atopa o castro de Nogueiral, fai o noso pai Miño un meandro espectacular que é visible dende tódolos ángulos e que con posta de sol ao fondo, sería unha estampa para ficar na nosa memoria. Por sorte, e votei mau desa imaxe, mentalmente, xa que non puiden facer nin unha soa foto. As que incluo aquí non son, pois, da miña autoría.
Non lonxe deste lugar atópase a casa rural mais antiga de Galiza, a Casa Vilariño. Alí puidemos ver case un museo etnográfico dos apeiros antigos que se utilizaban en moitos traballos, aparte de degustar o viño da casa que nos ofreceron de valde e onde mercamos unhas Bicas recén saídas do forno.
Casa Torre Vilariño
Así acabóu a nosa excursión, case ao anoitecer, pero ca satisfación que dá coñecer o que temos perto sen necesidade de ir moi lonxe.
Eiré

Eiré
Atán
Fión (San Lourenzo)

lunes, 13 de enero de 2020

Por terras de Mondaríz




Empezar o ano 2020 cunha viaxe é unha boa decisión! Esta vez o madrugón foi algo mais grande debido a distancia que hai dende o meu lugar ata Mondaríz, en Pontevedra, pero pagóu a pena. Eran mais das once cando voltei á casa. Lua chea acompañando!
O primeiro que fixemos ao apearnos do autobús foi evitar que unha vaca, que campeaba polo medio da estrada, causara un accidente. Debe ser unha vaca algo orientalista,ou desorientada!
Alí comezamos a camiñada seguindo o río Tea, afluente do Miño que descorre pola comarca do Condado en Pontevedra. Un río de ampla cama e pouca fondura, que case pode ser atravesado sen que a auga chegue aos xeonllos, ainda que ten lugares nos que nos poderíamos incluso bañar. De feito, conta con varias praias ao longo do seu percorrido, algunhas das cales nada teñen que envexarlle as praias de auga salgada. Atopamos varias pontes, unha delas romana, a ponte de Cernadela, na que rematamos o cortiño percorrido e aproveitamos para facer fotos e pasear por ela, cos seus cantos irregulares no chán que a fai ainda mais interesante.
Algunhas personas do grupo, ían tan encantadas ca andaina que se pasaron moito da ponte na que acordaramos rematar. A verdade que co día solleiro que facía, despois dunha fría mañá de xélida paisaxe, apetecía camiñar pola veira do río, escoitar o seu pulso apurado, a veces, e vagariño outras.
Tivemos ocasión de ver fervenzas espectaculares no lugar da praia, con merendeiros, con area abundante e sombras que no verán fan do sitio un lugar de lecer con chiringuito e todo!
Dende alí, dirixímonos ao castelo de Sobroso,, que está nun lugar moi elevado. Chámase así porque alí había moitas sobreiras. É un castelo medieval, ben macizo e asegurado, ainda que tivo épocas de abandono e mesmo destrucción. Alí a raíña Dona Urraca foi cercada polos partidarios do seu fillo e tivo que buscar refuxio en Compostela. Di a lenda que foi polo pasadizo que comunicaba o castelo co río Tea.
Fomos benvidos con chocolate que elaboran artesalmente para este castelo, no que hoxe hai mostras de vestimenta de roupa interior de época e unha pequena tenda na que se poden mercar produtos da bisbarra.
Sentindo xa algo de fame, ainda que ben mitigada polo chocolate que acababamos de engulir, dirixímonos ao restaurante onde xantamos, perto a Mondariz.
Logo de ben xantados, con viño do Ribeiro e Mencía e café con gotas, xa só nos quedaba a visita estrela: unha inmersión de duas horas nas augas do Balneario, que foi dos primeiros de Galiza, pioneiro no termalismo, hoxe o mais grande da nosa terra e por onde pasaron persoeiros como Emilia Pardo Bazán, Castelao e  mesmo a raíña Isabel de Portugal. Algúns dos edificios que compoñen  este complexo foron, no seu día, hospital. Forma o concello de Mondaríz-Balneario e tivo moeda propia.
Dos poucos balnearios que coñezo, éste é un dos que mais me gustóu polas suas características de  saber combinar a antigüedade coa modernidade.


 Nunca estiven en Karlovi Bari pero , despois de ler a Milan Kundera, imaxineime un lugar así, como éste de Mondaríz.
Duas horas que combinei co disfrute das piscinas, dos jacuzzis, das correntes que te arrastran, das fervenzas e chorros, das pozas de auga quente e fría, das saunas turcas e das secas, e do relax das hamacas para darlle repouso ao corpo antes de sair do lugar.
Non podía faltar un chocolate quentiño acompañado de tarta de Santiago, na cafeteiría do hotel, cun camareiro ben atento, que ata non cobrou a tarta.
Haberá que voltar alí para unha estancia algo mais longa e deixarse levar polas correntes que nos levan arredor como a peixiños nun acuario!

domingo, 15 de diciembre de 2019

POLO CAMIÑO PRIMITIVO










Sábado pola mañá,  coa promesa de non estar pasado por auga, aventureime a facer unha pequena andaina polo Camiño Primitivo, cos Amigos do Patrimonio de Castro Verde e co grupo Pasada das Cabras, de Burela. Saímos dende a Fontaneira, un lugar cunha igrexa ben restaurada, un teixo case milenario ao seu carón, casas de pedra e hórreos con cuberta vexetal, que lle dan un  aire atractivo e mesmo turístico.







A chuvia comenzou a caer finiña, imperceptible pero mollaba case aloumiñando, como quén non quere. Fomos pasando por esa paisaxe verde, de pradeiras e arboredo, subindo e baixando pequenas empinadas ata chegar a un lugar chamado Campo da Matanza. Sabido é que aquí atopáronse restos arqueolóxicos e mesmo unha cova con pinturas rupestres moi antigas, ou eso non fan  crer os medios, pois eu nona vin ainda.






 Parece ser que no  ano 813, en tempos de Alfonso II, (secadra chamado O Casto), tivo lugar unha batalla entre mouros e cristiáns, na parroquia de Esperela. No lugar atopáronse soterradas, armaduras, acicates e restos humáns. Non cabe dúbida que é un lugar con historia, e neste concello de Baleira atópanse  numerosos castros. Chegamos ao Cádavo, e ali deixei o grupo, que rematarían  xantando o cocido nun restaurante da Fonsagrada, pero eu sentía que a auga me traspasaba e quixen voltar a casa o antes posible. Así foi unha mañá diferente, e o Camiño Primitivo sempre é un bó estímulo, tanto que faga sol como que chova. Camiñar en grupo tamén pon unha nota de cor nos meus andares cotidiáns en solitario. Entráronme ganas de facer o camiño  na sua totalidade!















domingo, 8 de diciembre de 2019

AS BOTAS VAQUEIRAS





Outras botas son motivo deste post. Fai un ano eran as botas rosa, e agora as botas vaqueiras! Tíñalles boa gana pero non atopaba as apropiadas. Bonitas e baratas! Comezando por cómodas! Así, sin mais, sen pensalo nen buscalas, alí estaban medio ocultas no estante de abaixo dunha tenda. Probeinas varias veces antes de decidirme a mercalas. Imaxineime bailando estilo cow girl, punta, tacón e xiro! Para bailar en linea! Xa me vía tamén con sombreiro! Pero ese ainda non dín con él. Cántos pares de botas van este ano? Alomenos catro! Pero coido que é unha boa inversión, considerando que apenas as poñerei e poderán herdalas as miñas netas! Algún antoxo debemos permitirnos xa que non facemos longos viaxes en avión! De pequenos praceres está o mundo cheo! O caso é saber dar con eles.
Cambiando de tema, sentía curiosidade por ler Leria de Vicente Riso. Pasei pola biblioteca e tróuxeno porque quería comprobar qué había de coincidencia entre as miñas Lerias e a súa Leria. Non me defraudóu! As suas son moito mais cultas e teñen un toque de erudición que lles falta as miñas, pero, no fondo, hai certa semellanza na forma de narrar, nos temas que trata. Lin unha que trata da observación que fai dun caracol que se colóu onde non debía. Fixo dél un estudo case científico! Eu, teño un post, Caracoleando, que tamén se asemella pois detívenme a observar un reximento de caracois que cubrían o camiño despois dunha tormenta de verán, e que me lembraron un conto que lera cando era pequena.
Nada que ver co tema desta Leria, de botas, pero tamén Vicente Risco, mezcla diversas cousas nas suas e eu non hei ser menos!
Sigo mañá.
Domingo festivo, como tódolos domingos, como tódolos días, cando o son para cada quén! Sempre pode haber algo que celebrar. A min, os santiños e santiñas non me moven nese sentido, tampouco me moven outros motivos como a Constitución pero ahí xa nin me meto! Eu celebro estar viva, estar ben, que a miña xentiña estea ben, que, a poder ser, a xente en xeral estea ben, cousa difícil! Ninguén está permanentemente ben. Poder contalo, poder lembralo... poder compartilo!
Esta noite viñéronme á lembranza as "parties" londinenses. Aquelas celebracións esporádicas na casa de alguén que te convide a ir. Bebida, comida, xente que non coñeces, amizade, música, conversa....
Era case obrigado levar algo para compartir. Lembro aquelas casiñas con xardín traseiro, no este de Londres, todas iguais. Alí era un bo sitio para facer unha party. Lembro algunhas moi siñificativas para min. E buscarei nos meus álbuns as fotos que gardo daquelas festiñas. Unha maneira de divertirse moi doméstica, sen necesidade de pubs, discos.....ainda que tamén!
Eu teño ofrecido algunha naquel pequeno apartamento que compartín con Guilleumet, unha estudante bretona, que coma min, estaba de lectora nos mesmos colexios. Dela aprendín moitas cousas pero a que mais, os creps bretóns dos que gardo unha herencia permanente xa que os fago de cando en cando, ó seu estilo, co trigo sarraceno e todo! Gustaríame saber que foi dela, do seu compañeiro tunecino e da sua filla Fátima, que eu non coñecín porque eso veu despois de separarnos ao final da estadía londinense.
E como nunha leria non pode faltar esa teima de conversar ora dunha cousa, ora doutra, teño que engadir que onte, cando levei o meu coche a ITV, sorprendéume o cambio de plantilla. Totalmente rexuvenecida. Rapazas e rapaces novos eran os encargados da revisión con moita amabilidade, con rapidez e con responsabilidade. Parabéns! A xente nova vainos substituíndo e nós, dende a altura da nosa idade, vemos as cousas dende outra perspectiva, da que da o tempo, o transcurso da vida. Hai que deixarlles o camiño libre para que o enchan cas suas novas maneiras de facer. Agora son eles aos que lles toca facer baza. Nos temos que pasar á sombra e contemplar o seu facer con certa distancia xa que non vai ser o que nos fixemos. Deixar que os novos nos substituan, qué boa alternancia!!!!
Party!!!!

sábado, 9 de noviembre de 2019

Mañá filloeira


Unha mañá de novembro que ofrece cumes nevados e moito frío. Tempo de estar na casa gardados.
Na radio soa música de baile e nas sarténs cantan as primeiras filloas.
Dun tirón, vou facendo o montón e entre medio, bailo ao son da música para escorrentarlle o frío aos pés.
Pensar no blog xa non é como era. Despois de térenseme borrado as fotos de moitos posts, tamén desapareceron os que estaba reeditando coa fin de facer un libriño con eles e así poder conservalos, afastados desta tecnoloxía que non logro entender e que a mais mínima xógame malas pasadas.
Tambén inflúe non ter lectores. Sabemos que un blog aliméntase de comentarios.
O mundo xa parece un sitio incómodo para vivir. As amizades vanse perdendo e imos ficando sos á medida que os anos nos levan mais perto do noso destino final. Escoitaba na radio, nun programa nocturno da radio galega, que a soedade vai cubrindo o ceo como estes nubarróns que ocultan o soliño que agromaba fai un instante. Son as cataratas da existencia. Escoitaba, non eso que acabo de dicir, senón, que moita xente síntese soa, que precisa de algúen con quen compartir unha conversa, un cafetiño, un paseo. De ahí que xurdise a idea de facer un Banco de Amigos/as para darlle un canle a tanto illamento. Incluso se lles ocurría que poderían vivir xuntos nunha casa, na casa de alguén. Pero eso non é doado. Cada quén, quérelle á súa e ademais, a convivencia non sempre é posible.
O mellor é aceptar o que nos pasa. A vellez sempre foi así. É unha etapa da vida que nos limita e que ademais, non ten futuro. Temos que ir vendo cómo se nos esquece o aprendido noutro momento, porque nono exercitamos. Cómo o noso cerebro se enlentece, se amodorra, se fai perezoso porque nos decatamos que por moito que queiramos reter do que antes sabiamos, xa nono imos precisar, ou sí, pero non é un reto.
Fai poucos días que lia no Facebook, cómo a desinformación vai producindo unha inopia coa que nos conformamos ata parecer que somos lelos. Irse alelando pouco a pouco é renunciar á vida. Xa non somos conversa, xa nada do que digamos pode ter importancia se quenes escoitan nonos consideran sabedores. Xa somos un punto e aparte nas conversas dos demais, dos mais xoves. Para mais, temos demasiados atrancos ca tecnoloxía. Imos facéndonos analfabetos.
Admiro a quen conserva a memoria! Polo menos non quedarán mal diante dos mais hábiles.
Ainda así, penso que algo fica ahí no fondo de todo, chámese experencia, vivencias.....que nos axuda a tomar decisións con sentido común, que pouco abonda.
Por iso, ante unha situación política como a que temos neste intre, compre pensar con certa cordura para non equivocarnos. É pouco o que podemos facer pero pode ser moito cando suma cas corduras dos outros. De todos  modos, todo cambia, e os cambios nótanse cando levas mais de media vida vivida.
E escribir é sempre esa necesidade de comunicarse, de poñer en letras o que sentimos, tando que os demais se enteren ou nos ignoren.

lunes, 21 de octubre de 2019

ANDAINA DOMINGUEIRA




Apareceu unha mañá sen chuvia e decidín facer o roteiro pola Marronda, co grupo de Lugo dentro do programa Terras de Auga e Cultura que ofrece, de balde , cada domingo, saídas por diferentes zonas da Provincia. Unha boa oportunidade para coñecer sitios tanto rurais como urbáns, pois tamén ten saídas por Lugo cidade, para atoparsse con xente de aquí e de acolá, que de outras partes do mundo, aproveitan estas saídas para coñecer un pouco o lugar onde lles toca vivir.
 Alén de compartir conversas e aprender cousas novas que non sabía e que aportan un plus neste transcurrir rural onde apenas queda xente coa que falar, sempre supón unha nova experencia e neste caso, apesares da chuvia que nos caeu enriba, foi moi interesante.

Punto de auga

O roteiro comezóu na Cruz da Nena, un mirador que hai arriba da Braña, onde se encontran unhas antenas e dende onde se divisa, cando o ceu o permite, unha paisaxe de montañas de toda a redonda.

Meandro Cortevella (foto:Romina)

Fomos camiñando pola zona mais outa da fraga e non pola veira do río Eo, como sería o roteiro mais utilizado, coa fin de observar mellor a montaña, a variada vexetación que alí se atopa, a fervenza, o punto de auga, e coa axuda do guía, coñecer un pouco os nomes das distintas árbores, (faias, abelairas, bidueiros, castiñeiros, carballos, salgueiros, acivros....) e outras especies. A sua reserva de faias é a mais importante de toda Europa. Tamén se atopan infinidade de arandeiras e cogumelos moi variados.
Foto de Romina
Pasamos pola aldea de Mendreiras, un lugar de apicultura, e probei a fror de capuchina, que ainda sabendo que se podía comer, nunca o fixera. Ali parece que se dan ben!


Un pouco mais adiante, chegamos ó punto mais outo dende onde se poden ver dous meandros que fai o río Eo antes de chegar ó da Cortevella. Nun deles divisamos unha albariza que é onde se gardaban as colmeas e acostumaban a poñerse na ladeira mais protexida ollando o sul. Consiste nunha parede circular cunha entrada e que tamén se parecen ás ouriceiras, que tiñan a función de gardar castañas e case sempre estaban baixo un castiñeiro.
Ouriceira (foto: Romina)


A partir de ahí, foi todo un baixar empinado e un tanto esbaradizo pola chuvia destes días, pero chegamos abaixo sen ningún problema, mais que o de ir empapad@s. Alí agardábanos o autobús, no que tomamos o noso xantar xa que non poidemos facelo na área recreativa por mor da chuvia.
A miña compañeira de asento, unha estudante uruguaia, recén chegada a Lugo por motivos de estudos, por certo, de Innovación en Nutrición e Dietética, tema do meu iterese cen por cen, e ca que tiven a oportunidade de probar o mate, que traía todo o tempo na man, dende que empezamos ata que rematamos o roteiro, co seu termo de auga forrado en coiro con deseños e cores moi da sua terra, e cunha corida diadema tecida en lá con motivos étnicos, que chamaba a atención, fixo do meu día un salto na rutina e unha oportunidade de abrirme ao mundo e de compartir a natureza na que vivo inmersa. Grazas por esa compaña!



Foto: Romina







sábado, 21 de septiembre de 2019

III Son Labreg@



Empeza o outono con chuvia miúda, da que case non molla. Non tanto como para privarse de asistir ao terceiro festival labrego que escolleu A Chave das Noces,  Montecubeiro, (Castro Verde), Lugo, para esta súa terceira celebración. Despois de perderme pola miña terra, din co lugar, que ainda que me queda ao outro lado da serra, nunca o visitara e seguro que se o fixera a pé, non tería perda, só pasar o monte xa que ficamos á mesma altura.

Xa case estaba a comenzar o primeiro acto do día, cunha mesa redonda encól do aproveitamento do monte, dos moitos usos que se lle poden dar, e para eso contamos alí con expert@s de toda Galiza, xente nova, emprendedora de proxectos un tanto innovadores ainda que non por eso descoñecidos, xa que o monte tivo eses mesmos usos, tempos atrás. Foi interesante mergullarse neses proxectos que conlevan un uso sostible e rentable dunhas terras que so estan sendo aprobeitadas para madeira. Así, podemos ver cómo pola zona de Manzaneda explotan a castaña e comercialízana en forma de fariñas, doces, ao natural... ou cómo por Carballo fan do monte un pastizal para cabalos, porcos celtas, (parque xurásico de porco celta!) e tamén de cogumelos. Na zona de Negueira de Muñiz, con productos que alí se dan e que intentan comercializar como o zume natural de mazá, mel, entre outros productos. Tamén cómo se adica o monte ao pastoreo, con cabuxas, como as de Cabuxa Natur na zona de Guntín, Lugo,  que alimenta as suas cabras só co que pacen, usando tamén o monte común. En fin, unha chea de ideas que crean lazos de solidariedade entre a veciñanza ao tempo que se fan donos dos seus recursos para beneficio de toda a aldea e o mais importante, minimizan as posibilidades de lumes.
Despois deste debate aberto aos asistentes, e contrastando modos de velo, pros e contras, de como o lobo ou o xabarín dificultan certas actividades pero non impiden, vendo tamén a mentalidade de outras persoas que consideran que o cultivo de eucalipto é unha solución boa, e outras que ainda é mellor solución desfacerse deles, fomos deixando o tema, que da para moito, para irmos co xantar de carpa a base de empanadas, liscos, cervexa artesá e moitas delicias de larpeiradas que por alí había, de orixe caseiro ou artesanal.
Amenizada a festa por un grupo de mulleres que cantan, bailan, tocan e non se cansan de facelo: Trasdalomba!
Un ambiente de mocidade que baila con zocos a muiñeira, que leva consigo as crianzas, que venden productos sans, artesáns e únicos!
Sentados en  alpacas de herva arredor da carpa, as conversas ían de aquí para aló, e voltaban e propiciaban encontros tan inesperados como o que me permitíu dar co paradeiro dunha vella amiga, que xa tiña por perdida e que non anda moi lonxe! Iso e outras cousas, como encontros con libros que non coñecía, con autor@s nov@s que quero ler e con bica de castaña.... fixo que a festa rematara como debe rematar unha festa: con ganas de voltar!








domingo, 8 de septiembre de 2019

VISITA AGARDADA

Na Casa da Fonte (Fonteo)
Logo de moitas tentativas, por fin, chegan á miña casa, os/as inspiradores/as do meu blog. A estas personas, debo que eu veña escribindo dende fai anos as miñas Lerias. Os seus comentarios foron acompañando cada un dos meus posts ata o día de hoxe. Non só me deron motivación senón que tamén me proporcionaron seguidores que secadra nunca houbera tido oportunidade de coñecer.

Por fin, Marina e unha parte da súa familia, puideron acompañarme fisicamente na miña casa esta fin de semana e foi un pracer disfrutar da sua presencia e compartirmos momentos xuntos que non esqueceremos.

O tempo chegóu a pouco para os plans que tiñamos pensado. So puidemos cumplir algúns deles, pero foron ben aprobeitados. Dende un xantar de festa na aldea, ata un paseo relaxante a carón do río Eo, percorrendo o meandro que fai na Cortevella, fotografando e mesmo deixándonos sobrevoar por un dron que ía escaneando o lugar como unha rá voadora saída dun filme de cencia ficción.

Logo de ceas na cociña, a carón do lume,  degustando pratos típicos de mar e de montaña, regados con tintos de marca e boa conversa chegamos a un domingo de feira, con visita previa ao nacimento do río Miño no Pedregal de Irimia na Serra de Meira, onde a auga cantareira adormece os sentidos e fai que todo se deteña e se volte lenda.

Non podía faltar unha paradiña na feira para catar o polbo que arrecendía de lonxe e creaba ambiente. Alí, nunhas mesas ao aire libre, demos conta do tan loubado manxar que xunto co pan e viño fixeron a nosa mañá domingueira en Meira.


Empanada feita por Marina




Nécoras de Pontevedra







Logo virían as empanadas que farían do noso picnic en Fonmiñá, un lugar de confidencias e historias de vida que contar. Unha sobremesa de sorpresas e de coñecimento mútuo que ainda nos achegóu mais nesta nosa amizade que ven de vello e que perdura no tempo. Despedímonos coa satisfacción de telo pasado ben xuntos e ca intención de voltar a vernos.


Picnic en Fonmiñá (Meira)