sábado, 9 de noviembre de 2019
Mañá filloeira
Unha mañá de novembro que ofrece cumes nevados e moito frío. Tempo de estar na casa gardados.
Na radio soa música de baile e nas sarténs cantan as primeiras filloas.
Dun tirón, vou facendo o montón e entre medio, bailo ao son da música para escorrentarlle o frío aos pés.
Pensar no blog xa non é como era. Despois de térenseme borrado as fotos de moitos posts, tamén desapareceron os que estaba reeditando coa fin de facer un libriño con eles e así poder conservalos, afastados desta tecnoloxía que non logro entender e que a mais mínima xógame malas pasadas.
Tambén inflúe non ter lectores. Sabemos que un blog aliméntase de comentarios.
O mundo xa parece un sitio incómodo para vivir. As amizades vanse perdendo e imos ficando sos á medida que os anos nos levan mais perto do noso destino final. Escoitaba na radio, nun programa nocturno da radio galega, que a soedade vai cubrindo o ceo como estes nubarróns que ocultan o soliño que agromaba fai un instante. Son as cataratas da existencia. Escoitaba, non eso que acabo de dicir, senón, que moita xente síntese soa, que precisa de algúen con quen compartir unha conversa, un cafetiño, un paseo. De ahí que xurdise a idea de facer un Banco de Amigos/as para darlle un canle a tanto illamento. Incluso se lles ocurría que poderían vivir xuntos nunha casa, na casa de alguén. Pero eso non é doado. Cada quén, quérelle á súa e ademais, a convivencia non sempre é posible.
O mellor é aceptar o que nos pasa. A vellez sempre foi así. É unha etapa da vida que nos limita e que ademais, non ten futuro. Temos que ir vendo cómo se nos esquece o aprendido noutro momento, porque nono exercitamos. Cómo o noso cerebro se enlentece, se amodorra, se fai perezoso porque nos decatamos que por moito que queiramos reter do que antes sabiamos, xa nono imos precisar, ou sí, pero non é un reto.
Fai poucos días que lia no Facebook, cómo a desinformación vai producindo unha inopia coa que nos conformamos ata parecer que somos lelos. Irse alelando pouco a pouco é renunciar á vida. Xa non somos conversa, xa nada do que digamos pode ter importancia se quenes escoitan nonos consideran sabedores. Xa somos un punto e aparte nas conversas dos demais, dos mais xoves. Para mais, temos demasiados atrancos ca tecnoloxía. Imos facéndonos analfabetos.
Admiro a quen conserva a memoria! Polo menos non quedarán mal diante dos mais hábiles.
Ainda así, penso que algo fica ahí no fondo de todo, chámese experencia, vivencias.....que nos axuda a tomar decisións con sentido común, que pouco abonda.
Por iso, ante unha situación política como a que temos neste intre, compre pensar con certa cordura para non equivocarnos. É pouco o que podemos facer pero pode ser moito cando suma cas corduras dos outros. De todos modos, todo cambia, e os cambios nótanse cando levas mais de media vida vivida.
E escribir é sempre esa necesidade de comunicarse, de poñer en letras o que sentimos, tando que os demais se enteren ou nos ignoren.
lunes, 21 de octubre de 2019
ANDAINA DOMINGUEIRA

Apareceu unha mañá sen chuvia e decidín facer o roteiro pola Marronda, co grupo de Lugo dentro do programa Terras de Auga e Cultura que ofrece, de balde , cada domingo, saídas por diferentes zonas da Provincia. Unha boa oportunidade para coñecer sitios tanto rurais como urbáns, pois tamén ten saídas por Lugo cidade, para atoparsse con xente de aquí e de acolá, que de outras partes do mundo, aproveitan estas saídas para coñecer un pouco o lugar onde lles toca vivir.
Alén de compartir conversas e aprender cousas novas que non sabía e que aportan un plus neste transcurrir rural onde apenas queda xente coa que falar, sempre supón unha nova experencia e neste caso, apesares da chuvia que nos caeu enriba, foi moi interesante.
![]() |
| Punto de auga |
O roteiro comezóu na Cruz da Nena, un mirador que hai arriba da Braña, onde se encontran unhas antenas e dende onde se divisa, cando o ceu o permite, unha paisaxe de montañas de toda a redonda.
![]() |
| Meandro Cortevella (foto:Romina) |
Fomos camiñando pola zona mais outa da fraga e non pola veira do río Eo, como sería o roteiro mais utilizado, coa fin de observar mellor a montaña, a variada vexetación que alí se atopa, a fervenza, o punto de auga, e coa axuda do guía, coñecer un pouco os nomes das distintas árbores, (faias, abelairas, bidueiros, castiñeiros, carballos, salgueiros, acivros....) e outras especies. A sua reserva de faias é a mais importante de toda Europa. Tamén se atopan infinidade de arandeiras e cogumelos moi variados.
![]() |
| Foto de Romina |
Un pouco mais adiante, chegamos ó punto mais outo dende onde se poden ver dous meandros que fai o río Eo antes de chegar ó da Cortevella. Nun deles divisamos unha albariza que é onde se gardaban as colmeas e acostumaban a poñerse na ladeira mais protexida ollando o sul. Consiste nunha parede circular cunha entrada e que tamén se parecen ás ouriceiras, que tiñan a función de gardar castañas e case sempre estaban baixo un castiñeiro.
![]() |
| Ouriceira (foto: Romina) |
A partir de ahí, foi todo un baixar empinado e un tanto esbaradizo pola chuvia destes días, pero chegamos abaixo sen ningún problema, mais que o de ir empapad@s. Alí agardábanos o autobús, no que tomamos o noso xantar xa que non poidemos facelo na área recreativa por mor da chuvia.
A miña compañeira de asento, unha estudante uruguaia, recén chegada a Lugo por motivos de estudos, por certo, de Innovación en Nutrición e Dietética, tema do meu iterese cen por cen, e ca que tiven a oportunidade de probar o mate, que traía todo o tempo na man, dende que empezamos ata que rematamos o roteiro, co seu termo de auga forrado en coiro con deseños e cores moi da sua terra, e cunha corida diadema tecida en lá con motivos étnicos, que chamaba a atención, fixo do meu día un salto na rutina e unha oportunidade de abrirme ao mundo e de compartir a natureza na que vivo inmersa. Grazas por esa compaña!
![]() |
| Foto: Romina |
sábado, 21 de septiembre de 2019
III Son Labreg@

Empeza o outono con chuvia miúda, da que case non molla. Non tanto como para privarse de asistir ao terceiro festival labrego que escolleu A Chave das Noces, Montecubeiro, (Castro Verde), Lugo, para esta súa terceira celebración. Despois de perderme pola miña terra, din co lugar, que ainda que me queda ao outro lado da serra, nunca o visitara e seguro que se o fixera a pé, non tería perda, só pasar o monte xa que ficamos á mesma altura.
Xa case estaba a comenzar o primeiro acto do día, cunha mesa redonda encól do aproveitamento do monte, dos moitos usos que se lle poden dar, e para eso contamos alí con expert@s de toda Galiza, xente nova, emprendedora de proxectos un tanto innovadores ainda que non por eso descoñecidos, xa que o monte tivo eses mesmos usos, tempos atrás. Foi interesante mergullarse neses proxectos que conlevan un uso sostible e rentable dunhas terras que so estan sendo aprobeitadas para madeira. Así, podemos ver cómo pola zona de Manzaneda explotan a castaña e comercialízana en forma de fariñas, doces, ao natural... ou cómo por Carballo fan do monte un pastizal para cabalos, porcos celtas, (parque xurásico de porco celta!) e tamén de cogumelos. Na zona de Negueira de Muñiz, con productos que alí se dan e que intentan comercializar como o zume natural de mazá, mel, entre outros productos. Tamén cómo se adica o monte ao pastoreo, con cabuxas, como as de Cabuxa Natur na zona de Guntín, Lugo, que alimenta as suas cabras só co que pacen, usando tamén o monte común. En fin, unha chea de ideas que crean lazos de solidariedade entre a veciñanza ao tempo que se fan donos dos seus recursos para beneficio de toda a aldea e o mais importante, minimizan as posibilidades de lumes.
Despois deste debate aberto aos asistentes, e contrastando modos de velo, pros e contras, de como o lobo ou o xabarín dificultan certas actividades pero non impiden, vendo tamén a mentalidade de outras persoas que consideran que o cultivo de eucalipto é unha solución boa, e outras que ainda é mellor solución desfacerse deles, fomos deixando o tema, que da para moito, para irmos co xantar de carpa a base de empanadas, liscos, cervexa artesá e moitas delicias de larpeiradas que por alí había, de orixe caseiro ou artesanal.
Amenizada a festa por un grupo de mulleres que cantan, bailan, tocan e non se cansan de facelo: Trasdalomba!
Un ambiente de mocidade que baila con zocos a muiñeira, que leva consigo as crianzas, que venden productos sans, artesáns e únicos!

Sentados en alpacas de herva arredor da carpa, as conversas ían de aquí para aló, e voltaban e propiciaban encontros tan inesperados como o que me permitíu dar co paradeiro dunha vella amiga, que xa tiña por perdida e que non anda moi lonxe! Iso e outras cousas, como encontros con libros que non coñecía, con autor@s nov@s que quero ler e con bica de castaña.... fixo que a festa rematara como debe rematar unha festa: con ganas de voltar!
domingo, 8 de septiembre de 2019
VISITA AGARDADA
![]() |
| Na Casa da Fonte (Fonteo) |
Por fin, Marina e unha parte da súa familia, puideron acompañarme fisicamente na miña casa esta fin de semana e foi un pracer disfrutar da sua presencia e compartirmos momentos xuntos que non esqueceremos.
O tempo chegóu a pouco para os plans que tiñamos pensado. So puidemos cumplir algúns deles, pero foron ben aprobeitados. Dende un xantar de festa na aldea, ata un paseo relaxante a carón do río Eo, percorrendo o meandro que fai na Cortevella, fotografando e mesmo deixándonos sobrevoar por un dron que ía escaneando o lugar como unha rá voadora saída dun filme de cencia ficción.
Logo de ceas na cociña, a carón do lume, degustando pratos típicos de mar e de montaña, regados con tintos de marca e boa conversa chegamos a un domingo de feira, con visita previa ao nacimento do río Miño no Pedregal de Irimia na Serra de Meira, onde a auga cantareira adormece os sentidos e fai que todo se deteña e se volte lenda.
Non podía faltar unha paradiña na feira para catar o polbo que arrecendía de lonxe e creaba ambiente. Alí, nunhas mesas ao aire libre, demos conta do tan loubado manxar que xunto co pan e viño fixeron a nosa mañá domingueira en Meira.
![]() |
| Empanada feita por Marina |
![]() |
| Nécoras de Pontevedra |
Logo virían as empanadas que farían do noso picnic en Fonmiñá, un lugar de confidencias e historias de vida que contar. Unha sobremesa de sorpresas e de coñecimento mútuo que ainda nos achegóu mais nesta nosa amizade que ven de vello e que perdura no tempo. Despedímonos coa satisfacción de telo pasado ben xuntos e ca intención de voltar a vernos.
![]() |
| Picnic en Fonmiñá (Meira) |
viernes, 9 de agosto de 2019
FISTERRA MÍSTICA
Dende Rianxo, escollín o itinerario mais curto para chegar a Fisterra. Xa o percorrera noutras ocasións. Unha estrada chea de curvas e con arboredo e moita vexetación aos dous lados fixo o camiño mais curto. Na Picota, un alto para coñecer a María del Carmen Rey, autora de Escapados e mais de Mulleres. Foi un encontro moi agardado xa que nos coñeciamos polo Facebook e porque lin o seu primeiro libro fai pouco pero tamén por tantas cousas que compartimos. Mulleres, estábame a agardar alí, con ela, e sería o meu amarre perante a miña estadía en Fisterra, cun temporal como no inverno que me mantivo a pé de libro case todo o tempo.
Fisterra, nova, peregrina, turística.... xa non é a Fisterra que eu coñecín e na que votei dous anos. Era o meu primeiro destino como mestra. Esta Fisterra é moito mais cosmopolita que daquela, ainda que sempre o foi, porque a chamada do bo peixe e marisco atrouxo a estranxeiros que viñan nas suas embarcacións para ancorar alí a catar os apetecibles manxares do mar. Tamén, porque os seus mariñeiros eran xente de mundo e aberta como o seu mar.
A brétema mariña envolvía todo. Apenas se podía ver nada. Fixen a pé a subida ao Faro, ese que brua cando hai névoa para avisar aos barcos do perigo costeiro, para que busquen refuxo seguro.
Había moita xente arriba, excursións, peregríns, visitantes de todo tipo e nacionalidade. Toméi un cafetiño nun acolledor hotel e mentras lia o xornal, entereime que xusto o día no que eu pasara por Serra de Outes, houbera un accidente e morreran duas persoas da miña idade.
De volta, parei a coller auga naquela fonte que eu sabía que estaba alí porque sempre que íamos ó Faro, parabamos para collela.
Baixei pola ladeira do cabo no que vin un indicador que poñía Cemiterio, e ainda que xa sabía de qué se trataba, quería ver se había alguén enterrado alí. Os nichos, en forma de flotadores de batéa, eran todos iguais e en cada compartimento o mesmo debuxo: unha cucaracha negra que tal vez nos anunciaba, por se non o sabiamos, que os bechos serían os nosos comensais após de mortos.
Alí, nun deses cubos de formigón, vivíu un home alemán, pero non fora Man de Camelle. Secadra desa esperencia, saíu a idea de facer cos cubos un cemiterio para quen queira pasar a eternidade con vistas ao mar.
Xa, de camiño a Fisterra, tiven ocasión de practicar o meu italiano cunha peregrina napolitana, que coma min, vive no rural.
Uunha grande oferta de restaurantes e locais de bares e cafés, fai difícil a elección á hora de buscar un sitio para comer. Estudando os menús que se oferecen á vista xunto as terrazas e entradas, hai que ter bo ollo para atinar. Eu non me queixo da nada do que comín e bebín. Todo estaba tan bó! Ainda que so fose por non aturar o tempo, calqueira menú podía satisfacerme.
Visitei as miñas amizades coas que pasei algunhas horas de animada conversa e coas que rin un pouco, para salvarme da teimosa chuvia que non arreciaba por nada do mundo e que nin camiñar permitía a pesares de que a temperatura era mais de verán que de inverno.
Adiantei un día a miña volta. Esta vez sería por outra estrada diferente que me foi lembrando os sitios polos que pasaba eu cando viña de fin de semana para comenzar os luns ca tarefa na escola fisterrán.
E así, deixei atrás a néboa envolvente que lle daba a Fisterra un ar místico alén de mítico.
martes, 9 de julio de 2019
Cidadana do mundo
![]() |
| Rias Baixas |
Hoxe, no Facebook alguén me trouxo lembranzas do meu pasado. Hai días, nos que como por arte de maxia, todo colle un rumbo diferente, como se unha variña máxica, cambiase os plans e, de repente, subín ao faiado en busca de fotos daquela época que él, tan ben rememora, ainda que eu non coincida na interpretación que se facía dos meus actos e andares.
![]() |
| Lugo |
![]() |
| Costa Brava |
![]() |
| Suiza |
![]() |
| Marrocos |
Gustaríame moito escribir as miñas memorias pero son demasiado pouco constante nese senso para poñerme á faena. Pero sí deixo moitas páxinas das esperencias das que me gusta contar ainda que a intimidade dunha vida require moita valentía para contala, sobretodo, da miña!
![]() |
| Lugo |
![]() |
| Amsterdam |
(Link do comentario sobre mín no Facebook)
https://www.facebook.com/100006603616638/posts/2537331026496993?sfns=mo
lunes, 10 de junio de 2019
PIORNEDO.Roteiro da Moura

Piornedo é unha aldea nas montañas lucenses, zona de Cervantes e Caurel. Unha aldea típica de pallozas que foron conservadas a través do tempo e que agora son unha reliquia do pasado dos habitantes deste lugar, adaptadas perfectamente ao clima para protexerse dos frios invernos. Modelo de convivencia dos humanos cos animais domésticos nun mesmo habitáculo en perfecta simbiose para darse calor mútuo. Piornedo, ven de piorno, que é un arbusto, xesta de montaña ( Cytisus oromediterraneus) e que parece que atopou nestas montañas o seu hábitat mais axeitado. Produce unha fror amarela como a das fabas, xa que é unha especie fabácea, pero algo mais pequena que a da xesta que se encontra por outras zonas de Galiza.
Empezamos a viaxe por estradas cada vez mais estreitas e curvilineas, rodeados por unha paisaxe de verdes e amarelos, sen apenas nucleos de poboación. Chegamos a Piornedo a tempo do primeiro café da mañá que nos espabilaría o frío que ainda fai por esas altitudes. As montañas esténdense á redonda formando unha muralla impenetrable, illando estes lugares do resto do mundo. Estabamos xa no centro de Piornedo, cas pallozas perfectamente coidadas e conservadas. Algunhas convertidas en casas modernas e outras libráronse de seren modernizadas para quedar de testemuña do que foi a vida nestes lugares afastados e mesmo incomunicados perante os duros invernos de neves.
Deixamos a aldea para ver ao final da xornada e dirixímonos con duas guías que nos acompañaron por dous roteiros diferentes, un de doado andar e outro un pouco mais difícil, que foi o que escollemos a maioría. De frente, a cama dun antigo glaciar que alí esistíu e hoxe amosa as grandes pedras que arrastróu por toda a ladeira da montaña.
Chámase o Roteiro da Moura, porque hai unha lenda, que é moi común tamén noutros lugares, con variacións pero conservando a mesma historia, dunha muller que desapareceu da aldea, que a buscaron e buscaron ata cansarse e deixárona xa por imposible. Pasados anos, apareceu no alto de Chao das Penas, berrando para que foran buscala. Nese tempo tivera dous fillos e vivira nunha cova pero cansada desa vida subterránea, quería voltar a aldea de onde desaparecera anos atrás.
Fomos vendo o tipo de flora e fauna do lugar. Atópanse prantas carnívoras que comen mosquitos nas zonas húmidas e encharcadas. Hai tamén plantas medicinais como a árnica, plantas que servían para cando se cortaban para tapar a cortadura, cardos mais menudiños que os que se atopan noutras zonas de Galiza, moitísimos acivros que serven de refuxio aos animais. As vacas van soas ao monte por carreiros de cabras case intransitables e voltan elas soas para a casa ao final do día.
![]() |
| Un piorno en flor e unha lugareña carexando leña. |
Vimos rastro de lobo polo camiño. Tamén alguén divisóu un oso pero non todos poidemos velo. Como eramos un grupo pequeno, estabamos como en familia, como se ao pé da lareira nos atopáramos contando historias doutros tempos, das que as guías son coñecedoras e transmisoras xa que eso é xusto o que pretenden, contar o que a xente da aldea contou e foi trasmitindo ás novas xeracións.
A subida fíxose un pouco dura pero ben levada, polas sombras e paradas que íamos facendo e pola conversa entretida que levabamos. Non chegamos ao pico de todo pero case. Dende alí víanse as montañas unhas tras de outras, con pequenos lugares de casas que se contaban cos dedos dunha man. Falounos a guía de cómo ao longo do río había muiños pequenos que foron desaparecendo, de como preparaban a palla de centeo co que cubrían as pallozas e que non valía palla mallada, senón enteira coa espiga para que durase mais tempo. Algunhas votaban vinte anos ou mais sen ter que cambiala.

Das capelas que había en cada aldea, das feiras-festas a onde acudían toda a xente da redonda unha vez ao mes e de cómo era a vida alí, como producian carbón coas uces que queimaban baixo terra no monte, da importancia do monte de baras ou aberzale que se repartían por quendas entre os veciños para sementar o centeo despois de preparar e cavar a terra con moito traballo.
A baixada foi mais rápida e paramos no regato para mollar os pés e descansar antes de voltar á aldea para xantar nun dos seus restaurantes.
Despois de comer, visitamos unha palloza museo onde poidemos ver toda clase de obxectos antigos tal e como os deixaron, a distribución da casa por dentro e tamén un libro de visitas no que deixei unha frase que me inspirou o qué alí vivín.
"Conservar o pasado é un acto de humildade para con o futuro"
![]() |
| Unha parada en Navia de Suarna |
viernes, 31 de mayo de 2019
PAISAXES DA ALMA
Hoxe, derradeiro día do mes de maio, mañanciña quente dende a primeira hora, ceo azul, luz e cores, convidan a un paseo, despois do almorzo, e antes de que o sol nos faga ir ca lingua de fora, (sobre todo, Noa e o seu noivo, que xa veu buscala ben cedo).
A natureza loce o seu traxe verde e amarelo. Arrecende a herva cortada. Os tractores traballan remexendo nela e tranme lembranzas de antano, de cando a se gadañaba á man, dende o ser día, para rematar antes de que o sol quecera. Logo viña o esmarañado, que consistía en espelir a herba para que secase axiña. Pola tarde, non ben acabar de xantar, xa se ía volteala, pola calor, para que ainda secara mais. Se o día acompañaba, xa estaría lista para angazar e recoller á tardiña, senón ficaba para o día seguinte ou se había ameaza de chuvia, empalleirábase para que non se mollase, e había que estendela ao día seguinte se facía bo tempo.
Nós, miñas primas e eu, eramos unhas nenas. O noso traballo era esmarañar a herba despois de ser gadañada. Tamén nos deixaban angazar, e subir enriba do carro a calcala, cando o estaban cargando.
Logo viña xogar entre a herba gardada na palleira. Alí tamén se precisaba que se pisara ben para que coubera mais. Para nós, era un xogo e unha maneira de adivertirnos ao mesmo tempo que colaborabamos nos traballos do campo.
Lembro que poñíamos a froita a madurar entre a herba, como ameixas, claudias....
Vivir perto destas paisaxes é un constante estímulo sensorial. Non importa a época do ano. Vivir cada momento que a vida nos ofrece, ainda que sexa a chuvia, a neve, a xeada....Pero o calorciño destes días mornos de primavera, con tanta flor, bolboretas e outros insectos, revoloteando arredor, non ten prezo.
Mentras se camiña, o pensamento vai voando a tempos pasados, a proxectos futuros, a presentes que apenas se sinten, porque case sempre ocupamos a mente con pasados e futuros. Vivir o instante, é difícil, require concentrarse no mínimo, no case inesistente. ´
Vou repasando lugares nos que vivín e aos que a veces voltei. Xa nada era igual. Por eso case non me interesa voltar a reencontrarme con eles. Perden aquel engado que tiveron, forman parte da miña historia tal como acontecera, e agora, apenas me din nada. Por eso, case prefiro descubrir novos lugares, ou persoas, poñamos por caso, xa que ven a ser o mesmo. Camiñamos hacia diante. O de atrás vai quedando, deixando a súa pegada pero non hai que pretender recuperalo. Non se podería. Quedan as lembranzas, as fotos, as testimuñas escritas..... pero o noso devir, é cara a diante.
Camiños que ofrecen boas sombras. Corredoiras ainda cercadas con paredes de pedra que fixeron nosos avós. Árbores senlleiras que se conservan para ser admiradas. Xa nada sería igual se cortasen estas fragas que son refuxio de animais e plantas que só saben vivir nelas. Mentras quede un chisco de paisaxe anterga, aniñaran os soños que dan identidade ao lugar ao que pertencemos e amamos.
A natureza loce o seu traxe verde e amarelo. Arrecende a herva cortada. Os tractores traballan remexendo nela e tranme lembranzas de antano, de cando a se gadañaba á man, dende o ser día, para rematar antes de que o sol quecera. Logo viña o esmarañado, que consistía en espelir a herba para que secase axiña. Pola tarde, non ben acabar de xantar, xa se ía volteala, pola calor, para que ainda secara mais. Se o día acompañaba, xa estaría lista para angazar e recoller á tardiña, senón ficaba para o día seguinte ou se había ameaza de chuvia, empalleirábase para que non se mollase, e había que estendela ao día seguinte se facía bo tempo.
Nós, miñas primas e eu, eramos unhas nenas. O noso traballo era esmarañar a herba despois de ser gadañada. Tamén nos deixaban angazar, e subir enriba do carro a calcala, cando o estaban cargando.
Logo viña xogar entre a herba gardada na palleira. Alí tamén se precisaba que se pisara ben para que coubera mais. Para nós, era un xogo e unha maneira de adivertirnos ao mesmo tempo que colaborabamos nos traballos do campo.
Lembro que poñíamos a froita a madurar entre a herba, como ameixas, claudias....
Vivir perto destas paisaxes é un constante estímulo sensorial. Non importa a época do ano. Vivir cada momento que a vida nos ofrece, ainda que sexa a chuvia, a neve, a xeada....Pero o calorciño destes días mornos de primavera, con tanta flor, bolboretas e outros insectos, revoloteando arredor, non ten prezo.
Mentras se camiña, o pensamento vai voando a tempos pasados, a proxectos futuros, a presentes que apenas se sinten, porque case sempre ocupamos a mente con pasados e futuros. Vivir o instante, é difícil, require concentrarse no mínimo, no case inesistente. ´
Vou repasando lugares nos que vivín e aos que a veces voltei. Xa nada era igual. Por eso case non me interesa voltar a reencontrarme con eles. Perden aquel engado que tiveron, forman parte da miña historia tal como acontecera, e agora, apenas me din nada. Por eso, case prefiro descubrir novos lugares, ou persoas, poñamos por caso, xa que ven a ser o mesmo. Camiñamos hacia diante. O de atrás vai quedando, deixando a súa pegada pero non hai que pretender recuperalo. Non se podería. Quedan as lembranzas, as fotos, as testimuñas escritas..... pero o noso devir, é cara a diante.
Camiños que ofrecen boas sombras. Corredoiras ainda cercadas con paredes de pedra que fixeron nosos avós. Árbores senlleiras que se conservan para ser admiradas. Xa nada sería igual se cortasen estas fragas que son refuxio de animais e plantas que só saben vivir nelas. Mentras quede un chisco de paisaxe anterga, aniñaran os soños que dan identidade ao lugar ao que pertencemos e amamos.
domingo, 26 de mayo de 2019
ROTEIRO POR CABO DE HOME

Pagou a pena erguerse ás cinco da madrugada para facer un roteiro pola península do Morrazo en Pontevedra, concretamente polo Monte Facho e Cabo de Home.
Deixamos Lugo ás sete da mañá para dirixirnos a este lugar da Galiza máxica da que tan pouco coñezo pero da que estou en vias de ir coñecendo pouco a pouco.
Chegamos ao Mirador da Caracola, que é o punto base para acceder a ese roteiro que nos levaría primeiro ao Monte Facho e logo a coñecer os distintos faros de Cabo Home.

A subida, empedrada e adornada de petroglifos con distintas simboloxías que se alternaban cunha cruz, tal vez debido a que estes lugares paganos, foron posteriormente cristianizados, levounos ata o castro e santuario que foi noutros tempos e ao que se facían perigrinacións e rituais ao deus Berobreo e está considerado un dos mais importantes da península Ibérica. Trátase dun castro galaico-romano que ainda está en recuperación. Alí ofrécense unhas excelentes vistas das Illas Atlánticas, Cíes e Ons, así como de moitas praias e poboacións costeiras das distintas rías Arousa, Pontevedra, Vigo... e a costa que bordea este Cabo chámase Costa da Vela, por tratarse dun lugar de vixia costeira tanto para guiar embarcacións, para o que se encendían fogueiras, de ahí o nome Facho, e tamén, mais tarde, para controlar as incursións dos berberiscos e protexer a poboación dos constantes saqueos aos que se vían sometidos.

Logo de desandar o camiño, voltando de novo ao Mirador da Caracola, emprendemos o sendeiro ata Cabo Home, seguindo o fío da costa, vendo o romper constante das ondas contra os cantís, escoitando o seu son, e deixando voar a mente, mentras camiñamos en fila india entre piñeirais que facían unha cortina entre nós e o mar.

En Cabo de Home atópanse algúns faros. O primeiro, na parte mais occidental do cabo, din que ten un son igual que o de Fisterra, imitando o "muuu" dunha vaca.

Outro faro que me gustóu pola sua forma e cor vermello, é o de Punta Robaleira, de construción mais robusta e achatada.
Seguindo o sendeiro, bordeado de frores dunares, margaridas e outras de cor amarelo, fomos achegándonos á praia de Melide, na que fixemos unha parada e tivemos a oportunidade de probar a auga e dar un paseo por ela, ca súa area branca e fina e augas de cor turquesa contrastando con outros azuis mais fortes.

Logo seguimos por unhas pistas de terra ata chegar a outro faro, o de Punta Sobrido, de cores ibicencos, branco con ribetes azuis. Dende alí podíanse divisar os enclaves das praias de Barres, a praia nudista mais grande de Galiza.

Terminado o roteiro xusto á hora de xantar, dirixímonos en autobús ata O Hio, que pódese pronunciar como o americano Ohio, para darlle un toque exótico!!!!
Ademais dun xantar exquisito e en boa compaña, puidemos ver o cruceiro mais completo de Galiza e a igrexa adicada a Santo Andrés, nunha praciña deste lugar que se estende a ámbolos lados da estreita estrada.

Rematamos a visita no Pazo de Lourizán, percorrendo os seus amplios territorios poboados de árbores senlleiras, onde se atopan as camelias mais antigas de Galiza, de cento trinta anos ou mais, e árbores de distintas procedencias. Hoxe é un lugar de experimentación forestal. Ahí foron onde se seleccionaron as sementes de piñeiros e eucaliptos, na época da postguerra, para plantar toda a zona atlántica e onde se seguen a facer estudos de outras variedades que se adapten ben ao clima galego.

Foi un pracer percorrer esta finca tan extensa pola que se encontran lugares con engado como a cova dos espellos, de estilo gaudiano, xa que este lugar estivo rexentado por cataláns, e fixeron réplicas do que podía ser o parque Guell en Barcelona, con fervenzas artificiais que discurren entre muros dese estilo, e lugares como o merendeiro que ten unha mesa de seis metros en granito dunha soa peza, hórreo onde se gardaban as sementes do eucalipto, invernadoiros, lugares de reunións de representantes das Comunidades, de políticos.... Hoxe o edificio por dentro está moi deteriorado e non se pode visitar. Ten unha curiosa escaleira de caracol, en ferro que chama a atención e ainda se conserva.
O día acompañóu, e a compañía non faltóu!
lunes, 15 de abril de 2019
PENSAR COAS MANS

Non todo é inútil! Se pensaran eso quenes mandaron construir catedrais... hoxe non poderiamos admiralas e consideralas patrimonio da humanidade.
A Cidade da Cultura no monte Gaiás en Santiago deu que falar no seu intre. Para úns, un gasto superfluo que puido empregarse noutras cousas mais útiles. Falar de catrocentos millóns de euros, é moito carto para semellante obra arquitectónica a que non se lle viu unha xustificación. Hoxe, pasearse por ela, polos seus edificios, diseñados por innovadores arquitectos estranxeiros, non deixa de ser algo novedoso e incluso digno de admirar en canto arquitectura atrevida que rompe con todo pero que ten a sua razón de ser.
O arquitecto que a diseñóu, pensou no plano da cidade vella de Santiago, como unha man aberta de este a leste. Levou esa man ao monte Gaiás, pero direccionouna norte sur, e ahí saíu toda a súa nomenclatura de edificios e ruas que adoptan a forma do monte sen romper con él, senón sustituindo a sua paisaxe espida ou natural, por construccións que se pousan suavemente en curvadas lineas ata ser integradas na paisaxe natural que tiña o lugar antes de ser edificado.

Tamén os materiais empregados son símbolos da cidade vella, como a cuncha do peregrín, rugosa e con canles, e da mesma cor. Mesmo a cafetería ven a ser un símil do que son as nosas feiras, ca mesa alongada onde se come o polbo, baixo as carballeiras, que alí se representan por estructuras de madeira que forman a paisaxe tal como sería neses lugares de reunión e confraternidade.
A imaxinación suple a realidade e pon e crea elementos onde nonos hai, como as tres torres en forma de botella, que rompen totalmente co resto dos edificios, xa que foron obra doutro arquitecto, e que veñen ser como chemineas para todo o diseño enerxético do complexo. A torre que se imaxina, xurde no medio das duas existentes, unha de pedra, outra de cristal, e ésta, de ar, no meio, invertida, que resulta idéntica ás outras pero so que é un espacio baldeiro.
Debaixo desta cidade, hai vida subterránea por onde se abastecen os edificios a través dunhos túneis polos que caben camións.
Un experimento pioneiro que servíu de ensaio tamén, e que sobre da marcha deu quebradeiros de cabeza porque non todo saíu ben á primeira e houbo que refacer moitas cousas ata conseguir o que se pretendía.

Agora xa case está finalizado outro espacio lúdico, aberto e axardinado cun anfiteatro e pistas para practicar skateboarding e non facelo nos aleiros das cubertas dos edificios, que son unha tentación para calqueira que lle guste o plano inclinado, e tamén outras zonas para os mais pequenos.
Dende alí, a panorámica de Santiago ofrécese, tendida á ollada dos visitantes de todas as nacionalidades, que ata alí se achegan.
Poidemos participar nos obradoiros de cerámica que alí había, dirixidos por expertos alfareiros de Buño e ver as exposicións de moitos traballos de artesania popular que, artisticamente, se penduraban nunha gran sala.

Completada a viaxe cultural a Santiago, coa visita á Casa de Rosalía en Padrón, e ao Museo do Pobo Galego en Santiago, acaba un día que tivo a maxia, para min, de poder durmir á miña netiña mais pequena nos meus brazos, ao son dun cantar de berce que eu aprendín de miña nai e co que durmiu á primeira.
lunes, 1 de abril de 2019
Á LUZ DAS CAMELIAS
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ó sol"
(Federico García Lorca)
Xa dicía Álvaro Cunqueiro que as camelias eran luces no inverno galego.
Un domingo de cambio de horario nos reloxios interiores. Unha madruga prematura para chegar a tempo ó autobús que nos levaría de excursión polos pazos mais siñificativos no cultivo das camelias.
Pequenos incidentes co lugar de saída e por fin, comenzando unha viaxe que, entre outras cousas, tiña por obxectivo principal adentrarnos no coñecimento desta planta, da que sae o té que tomamos, o aceite de camelia que tantos séculos no sur da China servíu de aceite para cociñar e que se volta á sua elaboración aquí mesmo, en Galicia, onde a camelia veu para quedarse. 

O primeiro pazo que visitamos foi o Pazo de Oca que se atopa na Estrada, do que se di que é o Xeneralife do norte ou o pequeno Versalles. Alí puidemos ver o seu xardín de estilo francés, pura escultura vexetal, decorado con estanques como o da Paz, con cisnes brancos, e o da guerra, con cisnes negros, fontes con distintos nomes e decorados, labirintos de entretexidos arbustos de buxo formando figuras e diseños diversos, pontes, pasadizos, rincóns para o lecer dos seus donos e donas e moitas, moitas camelias diferentes, con flores de variadas cores e feituras, podendo así comenzar o noso estudo, sabendo que hai diferentes especies como a japónica, reticulata, sasanqua, por mencionar só as que alí mais abundan. 

Ata onte, eu, gran consumidora de té, non sabía que a miña bebida preferida viña desa planta, concretamente da Camellia Sinensis, dos seus brotes e follas, mentras que da semente sae o prestixioso aceite de elevado coste e que se comercializa en Galiza e é un excelente aceite de cociña, de cosmética, alén de curativo.
Ademais das camelias, abunda alí o buxo, teixos, kiwis, viñedo, árbores senlleiras de cinco centos anos de antigüidade, árbores orixinarias doutros países como Xapón, sequoyas, rododendros de gran altitude, magnolios etc.

O que mais chama a atención é a meticulosidade dos diseños vexetais ornamentais que van dende un xardín que imita o chan dunha catedral francesa, ata a elaboración de figuras de animais e persoeiros populares, que foron esculpidos nunhas estructuras de ferro e que poden tardar mais de cincuenta anos en tomar a forma desexada ata que o buxo, de lento crecimento, poida acomodarse aos corsés que o delimitan.
Alí traballaron expertos xardiñeiros, algúns vidos de outros países, e foron dando continuidade a estas obras de arte vexetal que tan lentamente pasan dunha xeración ás seguintes.
Malia o rechazo que se poda sentir polos que foron detentadores de poder e asoballamento da clase baixa, campesiña en pró dos seus luxos e caprichos, hai que ter en conta, que son nestes lugares onde se conservan bens de interese patrimonial, que de non ser tido por eles, non poderiamos agora admirarlos.
Un alto para xantar e achegarnos, de camiño, ao Pico Sacro, primeira tumba do Apóstolo Santiago, lugar mítico e de interese xeolóxico, xa que se atopa alí un rochedo de purísimo cuarzo, que ven sendo a ferida que quedóu da colisión entre dous continentes e da que emerxéu Galiza. Pagou a pena subir ata alí arriba e admirar a inmensidade que dende alí se alvisca e que din que se poden ver ata cento cincoenta igrexas, á redonda.

Pola tarde, e sen ter que desplazarnos grandes distancias, achegámonos ao Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, que foi adquirido por un coengo de Santiago, e que consta de innumerables terras, todas elas adicadas ao cultivo da oliveira e da camelia.
Trátase dun xardín de estilo inglés, menos eisixente co de Oca, pero que tamén conta con estanques e praciñas cuadriculares, con unha fervenza , con fontes como a de Jovellanos, que pasou unha tempada neste pazo para curarse dun mal tomando leite de burra. 

Alí atópanse tamén árbores como o ombú, cun enorme diámetro na base, carballo piramidal, palmeiras Washingtonia, tulipeiros de Virxinia, magnolios xigantes, fento australiano e moitas Oliveiras formando carreiras simétricas que se estenden por toda a finca. Ten, ademais, fraga e campo agrícola e viveiros de camelias.
Chama a atención a cantidade de camelias cultivadas e silvestres que alí se encontran formando avenidas alfombradas de pétalos que non caen un por un senón toda a flor dun golpe e que cubren o chan das mais diversas cores. 

Rematamos a tarde cun percorrido relaxante ao longo e ancho desta propiedade que é coidada e traballada por unhas dez persoas e que ten, como non, punto de venda de camelias e artículos elaborados cos productos destas árbores, como aceite de camelia, aceite de oliva, xabóns, colgantes de madeira.... entre outros.

Poñendo fin a esta primaveral incursión polos mundos da camelia, fixemos unha parada nunha fábrica de queixo que admite visitas turísticas e está preparada para eso. Proxectousenos un video do que é un día na rutina na elaboración de distintas clases de queixo pero dentro da denominación Ulloa, unha degustación que nos sentou moi ben como merenda e unha rápida compra para levar algo non so qué contar, senón que comer!
Suscribirse a:
Entradas (Atom)































