Empezarei dicindo que o título deste post non é outro que o do poemario que onte foi presentado en Castro Verde e que o autor, Jesús María Trashorras Nogueira, foi compañeiro de estudos en Lugo alá polos anos setenta. Dende daquela, non voltei a saber del ata fai duas semanas que, nas clases de acordeón, déuseme a coñecer e souben que acababa de publicar o seu primeiro libro de poesía. Foi unha sorpresa atoparme con él e co seu poemario. Ningún dos dous me resultaba descoñecido e lino de un tirón tan pronto puxen pes na casa, porque alí sentíame reflexada como galega do rural, cunha infancia semellante, co mesmo contexto social e cultural, cas mesmas palabras que daquela escoitabamos falar no noso entorno, cos mesmos obxectos e vivencias e con intereses moi semellantes como o de conservar o Noso, darlle a importancia que tivo e que ten e non deixar que se perda no esquecemento. Sorprendeume que o galego que usa é o galego que falabamos daquela, cando ainda non estaba regulado, e que tiña unha boa porcentaxe de palabras en castelá. Pero era o noso galego da nosa zona concreta e penso que foi o que nos marcóu. Logo tivemos que adoptar un galego mais unificado que servira para nos entender en toda Galicia. A min sempre me gustou o galego falado cas suas variantes locais que lle dan esa identidade e sabes de onde é a persoa xa so pola fala. Era como a matrícula antiga dos coches. Agora xa non se sabe de que provincia veñen. Hai poemas que están escritos na fala das zonas fronteirizas con Asturias e que teñen un engado moi especial.
A concurrencia ao evento foi masiva e desbordante xa que o salón de actos do Colexio de Castro Verde fíxose pequeno para acomodar a tanta xente que enchía pasillos e escaleiras. Alí se foron lendo os seus poemas en boca da mais diversa participación xa que había persoas de Ucrania, Venezuela e doutros países por non dicir de diversos puntos de Galicia e de toda idade e condición. Os poemas quedaron moi ben nas voces dos mais novos e novas que ogallá prenda neles a semente do decir poético. Había poetas que tamén leron algo de seu. Pintoras que espuxeron as suas obras, e moita música entre lectura e lectura. Hai que dicir que estivo moi ben organizado e presentado. Nada que envidiar ós programas televisivos...Foi dinámico e sorprendente, sen tempo para sentirse nin cansados nin aburridos. Houbo de todo! Ata oubeos de lobos e poemas en ucraíno!
Aquí deixo o poema que eu lin, e que escollín eu mesma porque me impactou a primeira vista. Poema do autor do libro O silencio do orballo.
![]() |
| Poema de Jesús María Trashorras Nogueira |
Este poema fai referencia a palabras que quedaron en desuso e que ao perderse o obxecto do seu nome, foron caendo no esquecemento e xa non son coñecidas pola xente nova. O poeta quixo rendirlles homenaxe e prendelas no seu libro para que sigan ahí para quenes queiran indagalas. Fíxome pensar nunha palabra que me gustou sempre: "cómaro", que eran os bordes dunha finca que se deixaban arredor dela para poder ter paso sen pisar o semiado, para que nela anidaran insectos e outros bichiños que favorecían a agricultura loitando contra as plagas.... Eso xa non existe! Pois a min lembroume tamén o camposanto das casas desaparecidas, casas galegas, cunha estructura típica de cada zona e que hoxe son asfalto de estradas. Tal é o caso de tres casas da miña aldea que levou por diante a ampliación da estrada antiga. A casa de Brañas, a casa de Cuenza e a casa de Benito. Eran casas fermosas e algunhas, das mellores da aldea. Así que decidín ler un poema meu que escribín fai unhos corenta e cinco anos e que deixo aquí:
A CASA DE BRAÑAS
Hai unha casa en Fonteo
toda vella e afumada
cunha escaleira por fora
e ca porta ben pechada.
Ten ó pé unha figueira
que da figos cada ano
e tamén ten unha horta
que ainda chora polo amo.
Esquecida alá nun curro
a cociña da lareira
durme entre as cinzas mortas.
Xa non ruxe a garmalleira.
Estarán alí ainda
o vello escano e a artesa
a lacena do touciño
o pataqueiro
e a mesa.
![]() |
| Lendo un poema do seu libro e outro meu |














































