domingo, 29 de mayo de 2016

SURFING CORUÑA

Viaxar é sempre unha experiencia. Non importa se a viaxe é mais longa ou mais curta. E, sobre todo, usando transporte público, da a oportunidade de interactuar con outra xente, de observar e pode que ata de relacionarse.
Collín o autobús ás nove da mañá. Era un luns e a esa hora moitos estudantes retornaban aos seus estudos. Senteime no asento de diante, xusto detrás do conductor. Enfrente ía un xaponés mais o menos da miña idade. Souben que era xaponés e non chinés ou coreano porque na súa sahariana poñía: Soy japonés. Levaba á vista unha cámara grande e unha botella de auga da que bebía de cando en vez. Eu tamén levaba auga pero non cámara. Dormitaba case todo o tempo e eu, así, podía observalo sen que se decatara. Qué boa oportunidade para practicar o meu xaponés. Pouco podería dicirlle. Todo mais, bos días.....Si, podería dicirlle, disculpe, bos dias...(sumimasen, ohayo gozaimasu) (すみません、おはよ ございます)  e ahí acabaría a miña conversa seguramente porque como pensase que eu podía seguirlle a corriente en xaponés, sí que ía verme en apuros. Ao chegar a Coruña, apeámonos do autobús e recolleu a súa mochila. Seguramente  iría percorrela un pouco mais de vagar.
A tenda que naceu canda min!!!!
 
Co tempo contado, atravesei rúas principais e descubrín atallos que me levaron a sitios polos que non tiña pasado antes e detívenme ante cousas que me chamaron a atención, como unha pequena tenda de productos artesanais aberta o mesmo ano en que eu nacín, ou unha cafetería que tiña todos os rótulos en galego e unha decoración a base de pallets pintados de branco. Entrei tomar un café porque o sitio estaba animado a aquela hora, e quedei moi sorprendida tamén coa decoración do baño. Non faltaba detalle!
A grandes zancadas, pero sen perderme nada, atravesei a cidade de lado a lado en busca dunha exposición dun pintor amigo e como non abría ata as doce, xustifiquei o meu "surfing" entrando nunha tenda de productos ao granel onde merquei xenxibre confitado, dáctiles de Israel e kinoa.....
Pero o que mais me chamou a atención foi atopar tanta xente sen teito, durmindo na rúa, coa súa manta, espertando dun sono dubidoso, sostendo unha taza que non sei se contiña un café quente, rodeados de enseres minúsculos e facilmente transportables onde non faltaba un tarro con flores. Aquela panorámica repetíase  ao longo do meu percorrido deixándome totalmente conxelada e sentíndome incapaz ante a miseria dos demais. Hoxe, ollando xornais en Internet, atopei unha daquelas imaxes, ilustrando un texto que falaba de que España ocupa o undécimo lugar no índice de pobreza, non sei se de toda Europa. Gardei a foto para incluíla aquí, xa que nin por un momento se me pasou pola mente facer unha dos meus conveciños de Coruña.
E todo o demais, xa non ten importancia.

miércoles, 4 de mayo de 2016

DIA PRIMAVERAL

Hoxe, 4 de maio de 2016, mércores, fai un fermoso día en toda Galicia. É un pracer poder disfroitalo desde aquí, a aldea onde nacín. Fixen un percorrido, como tódolos días, coa miña cadela, baixo un ceo absolutamente azul e un val que se estende, todo verde, ata a mesma raíz da serra do Caurel. O silencio, o soliño quentando morno a esta primeira hora da mañá, o arrecendo a herba recén cortada, as árbores froiteiras en flor e o borde do camiño vestido de festa con flores variadas, fan que se o paraíso existe, podería ser así. Atopamos ainda regatos que levan auga presta e debuxan fervenzas nas que Noa podería darse un baño, pero non. Eu convídoa a que beba no rego porque sei que leva sede todo o tempo e que se molle, que se despida desta oportunidade que a natureza lle brinda e que no verán xa non teremos.
Pensaba no fermoso que é sentirse integrado nun lugar, formar parte desa paisaxe e descubrila cada día dun xeito diferente. É unha fonte de inspiración. Todos os problemas, dúbidas, indecisións, incertezas que o día me pon de deberes, vanse resolvendo nestas andanzas, xa que a mente está libre, despexada, e é capaz de pensar as mellores solucións. Tamén lembraba o luns pasado nunha cidade galega a onde fun por motivos de saúde, e despois de pasar a mañá, deixándome radiografar, fotografar, diagnosticar......decidín darme un bo refrixerio antes de voltar no autobús. Fun camiñando pola cidade, atopando cousas que me chamaban a atención, entre elas, una panadería de "boutique" que amosaba pans de todo tipo na súa fiestra e na que dentro se vía unha longa cola para mercar.  Aquelo seduciume. Xa non xantaría de restaurante, como en principio tiña pensado. Non. Ía facerme un "picnic gourmet" e tomalo en calque
ra xardín ou na terraza dalgún bar. Entón merquei o mellor queixo de ovella e o mellor pavo natural e, de volta, entrei na panadería. Había que coller número para mercar. Escollín un pan de cereais, que lle gustaba á que tiña ao lado, e cortáronmo en rebanadas, como nas panaderías inglesas. Parece que agora veu esa moda para aquí e non está nada mal porque levas o pan cortado e  a cantidade que vas comer.
Entón xa só me faltaba escoller o sitio onde serviran unha boa cervexa. Xa estaba!. Iría a antiga fábrica, na que xa estivera sendo nena, nunha visita que fixera con miña nai para ver aos meus padriños. Agora xa non me lembraba cómo era. Tiven que preguntar, ainda que sabía mais ou menos por onde quedaba. Cando entrei, estaba chea de xente, mais ben homes case todos por non dicir todos. Achegueime á barra. So servían canas grandes así que preguntei se podía tomar o meu bocadillo alí. Dixéronme que non, que so se podía comer o que eles tiñan, non fose a pasarme algo coa miña comida e......
Quedei un pouco pasmada e púxenme a buscar solucións porque era imposible beber todo aquelo sen comer. Busquei un lugar medio escondido, detrás do enorme alambique doutros tempos, e dende alí, podía ver se algún camareiro viña e podía sorprenderme metendo as mans na bolsa ás agachadas.
Unhos homes de pé, xunto a un barril, facían o camuflaxe perfecto para a miña picaresca. E así, puiden darme o xantar mais apetecible dende facía tempo.
Son cousas así de pequenas que poden facer que a túa vida sinta os aleteos da felicidade de cando en cando, do xeito mais insólito, sinxelo e pouco común.
O día segue a ser espléndido e sentarme ao ordenador é case un sacrilexio neste caso porque mañá xa volta a chuvia. Pero foi este paseo o que me deu pulo para deixar aquí esta vivencia que marque un día feliz na miña vida cotidiana.

sábado, 23 de abril de 2016

DÍA DO LIBRO


Ainda que día do libro é tódolos días, non ven mal ter ún no que polo menos, falemos da importancia da lectura.
Lémbrome do Quijote, cómo non!. Era lectura obrigatoria para os que estudabamos o bacharelato daquela época. Eu aloxábame nunha residencia de monxas aquel ano. O libro constaba de dous tomos dunha edición económica. Despois das clases, e subidas ás camas dos dormitorios, líamos de pé, saltando de cama en cama, como escenificando as cabalgaduras dos personaxes e rindo a gargalladas como tolas, totalmente seducidas pola tolamia allea, por mimetismo.
Ainda que se trataba dunha lectura imposta, acabamos por collerlle afición e nono soltabamos nin para ir ao baño.
Foron aqueles libros os que formaron a miña primeira biblioteca e dos que nunca me desfixen porque  son os chamados clásicos, os que non pasan de moda, os que hai que voltar a ler nas xeracións vindeiras e sempre así.
Logo viñeron series televisivas, fascículos en viñetas adaptados á xente miúda pero eu sempre quixen o libro orixinal.
Con esa lembranza, acabo o día de hoxe no que se conmemora a Cervantes e síntome contenta de telo lido e disfrutado  simpatizando sempre cos seus persoeiros, cos lugares e co ambiente da época.
Nada como un libro na man en calqueira lugar.


domingo, 10 de abril de 2016

PERCORRIDO POR MONDOÑEDO

Se o día de hoxe fose onte, xa nada sería igual. Acompañóunos o tempo no percorrido poloS vieiros de Leiras Pulpeiro. Eu comparo Mondoñedo con Rianxo, lugares de persoeiros ilustres que foron importantes para Galiza. En Mondoñedo teñen ao poeta Leiras Pulpeiro que foi médico e deuse á xente humilde e soubo compaxinar a medicina tradicional e naturista co seu saber científico.
Mondoñedo exerceu a capitalidade de Galiza e era unha pequena cidade, con catedral seminario, bispado, hospital de pelegríns e ruta de paso a Santiago polo Camiño do Norte.
O noso percorrido comezóu na Eirexa dos Remedios e no xardín alameda que ten en frente e no que se celebróu a primeira feira galega adicada á árbore. Ali mesmo atópase o antigo hospital dos pelegríns que hoxe é un centro de rehabilitación de enfermidades mentais.


A continuación fomos ao Centro de Interpretación do Camiño do Norte onde se nos explicou todo o que hai que ver en Mondoñedo e se falou de cómo eran os peligríns de fai séculos, os motivos, símbolos e rutas alternativas vistas nun mapa daqueles tempos que ten algúns erros  nas ubicacións dos lugares.
 
 

No Cimiterio Vello e clasista, están soterrados os persoeiros mais ilustres de Mondoñedo. Chama a atención cómo se discriminaba á xente non só en vida senón na morte. Ós cidadáns de orixe humilde están no nível mais baixo do cimiterio, nun campo de herba  no que medran as flores e dos que sobresaen unhas cruces de moi distintos materiais e formas, a modo de marco.
Nun altiño están as criaturas que morreran sen bautizar, e mais arriba, na parte alta están os mausoleos mais importantes, destacando o das monxas que é, sen dubida, o mais chamativo. Logo pódense ver ós de Álvaro Cunqueiro, o escritor mais siñificativo do século vinte e que tocou temas culinarios nos seus escritos. Tamén o músico Pastor Veiga, autor do himno a Galiza e famoso polo tema "Alborada de Veiga" que levou un premio internacional no seu tempo.



 Ten Mondoñedo rúas estreitas polas que apenas poden pasar os coches e vía romana que conduce ao bairro dos muíños e artesáns sobre o que se asentaba a xudaría de rúas aínda mais estreitas e empinadas. Por alí discorren canais, fontes, regatos entre as casas baixas da xente mais pobre da época. Hai unhas fontes curiosas que teñen a súa lenda ou engado. Na Fonte dos Pelamios quén bebe dos seus catro canos ten saúde asegurada para o ano. Logo hai outra fonte no centro que foi construída a partir doutra mais antiga na que bebía o gando e a xente.
Chamóume a atención a ponte por onde ía pasar a comitiva que levaba o indulto do Mariscal Pardo de Cela do Val de Ouro, quen foi executado nese intre en Mondoñedo. Alguén tiña moito interés en que desaparecera.
 
 
Despois deste percorrido e acompañados do bo tempo, xantamos nun restaurante da zona que visitamos e logo tivemos un tempo de lecer xogando, por parellas, á chave, que consistía en lanzar tres pesas contra ela para poñer a proba a puntería dos participantes. Os que lograron algún tanto foron agasallados cun souvenir de Mondoñedo. Estivo moi ben esa actividade!



 
 
X so nos quedaba a Catedral e o Museo Catedralicio, coa guía de orixe italiano que nos foi explicando todo o que alí se alberga, dende santos de toda clase, retablos, xigantescos libros  que descansan en paz no faiado da catedral. Logo no soto, están os obxectos de mais valor, vestimentas da época, viacrucis e outros tesouros que amosan o poder eclesiástico.
Así acabóu o día e eu, como fixera a viaxe pola miña conta, percorrendo unha estrada que me levou por paraxes dun gran interés paisaxístico, non quixen tomar o camiño de volta sen tomarme un chocolate frente a Catedral. Un pouco espeso, para o meu gusto, ainda que practico aquelo de " as contas claras e o chocolate espeso".
Foi unha visita interesante e motivadora doutras que están por vir como a que penso facer as Covas do Rei Centolo e á Fervenza, que non vin desta volta. Mondoñedo está ahí, pertiño, e é un lugar para recrearse no pasado e no presente. Organizan moitas feiras e festas. A dos artesáns vai ser agora a finais de abril. Tamén fan a festa da poesía, do libro...e cómo non? de gastronomía, para eso é o paraíso das tartas de améndoa do Rei das Tartas, e as fabas de Lourenzá tamén se dan en Mondoñedo.
Deixo un poema de Leiras Pulpeiro que o escribíu , tal vez, para cando xa non estivera.  Alí o acompaña ao pe do seu mausoleo que foi un agasallo da xente que o quería, pois él estaba no cimeterio dos humildes. Ao seu lado medra unha roseira de rosas vermellas, como él quería.

 


martes, 29 de marzo de 2016

XUNTO A NOITE CO DIA

Xunto a noite co día, adianto reloxios que obedecen docilmente. Traduzo horas e xantares. Altero os biorritmos. Espabilo o sono, prolongo a ración de tele, xa non leo libro e rezo. Rezo para que a loucura non se estenda, que se pare a violencia, que renaza o sentido común, que os soños dos teimosos nonos atropelen. Que a vida siga sendo desexable. Que o mundo abra os brazos e acolla con piedade e misericordia aos oprimidos. Non son relixiosa pero creo. Creo na bondade, na perfección da humanidade, no pensar sensato, no actuar correcto, no amor ao próximo, na compasión, na tolerancia, na diversidade, na diferencia, no que nos une a todos, no pouco tempo que temos sobre a terra, para disfroitala, para dar o mellor de nós, e recibir o que nos ofrecen. Creo no entendemento, no respeto, na pouca importancia das cousas terrenais. Creo no espazo que sobra e que non acolle. Creo que todos temos dereito a vivir mellor, a non estar hacinados, a non soportar as guerras, a destrución, a aniquilación de todo vínculo. Medio mundo está baldeiro. Non é preciso encher  cidades, de por sí xa cheas. Hai moito campo que habitar, moita soidade nestas paraxes, moitas casas sen xente, moita terra que cultivar...persoas as que asistir e coas que intercambiar os nosos saberes.
Un vello proverbio dí que a música une aos povos. Que a música sustituia os sons destructores da maquinaria da guerra. Bailemos todos en harmonía dándonos as mans, queréndonos como irmáns que somos. Repartamos entre todos para que ninguén se sinta menos. Un mundo novo, un mundo mellor non se logra pola forza das armas. Lógrase co amor e coa piedade, coa solidariedade. Non é moito pedir, non é un imposible. A paz é posible. Senón  o mundo esniquizarase, saltará polos aires e comezará de novo, da nada, dende o principio ata que aprendamos a ser humáns.

sábado, 5 de marzo de 2016

RIO RATO

Que o río Miño pasa por Lugo é algo coñecido pero do río Rato non sabe todo o mundo, porque é un río pequeno e con historia, pois nos seus vellos tempos, que son os meus, tal como eu o recordo era un regato que cambiaba de cor e de cheiro asegún as circunstancias do matadeiro de Frigsa. Así, uns días ía sanguiñolento, outras amarelo como o Ganxes e dende o palomar onde eu o observaba podía percebir o seu arrecendo un pouco desagradable.
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Coa desaparición do seu elemento contaminante, o río coñeceu mellores tempos e ofrece na actualidade un percorrido case obligatorio para calqueira lucense que aprecie a natureza e o afastamento do centro da urbe para descargar as tensións da vida diaria.
O trazado foi coidadosamente pensado e xira en torno ao río e ao Centro de Interpretación
 
 
 
 
 
 
 
que se ubica nunha zona axardinada, con bar, restaurante e museo nun antigo muíño. Ao longo do río sucédense diferentes fervenzas e rápidos que no inverno están no seu apoxeo, pois auga non lles falta. E para quen se esqueceu de levar os bártulos da piscina e xinasia, unha mañá de primeiros de marzo, cun sol que quentaba, foi a alternativa perfecta onde pasar unha hora camiñando a bo paso e ao tempo que escoitaba a música do río coas suas variacions de fervenza a fervenza. Río cantareiro que discurre por entre sendeiros con abundante arboreda conservada de vello e outra nova introducida como elemento decorativo alén das hortas urbáns que se divisan na súa cercanía e moitas pontes de madeira que permiten cruzar o río por onde mais a cadaquén lle conveña buscando o sol ou a sombra, asegún.
Sentínme contenta de poder percorrelo nun dos seus tramos, empregando unha hora que pensaba adicar a outras actividades tamén deportivas. Pero penso que foi a mellor das opcións, xa que nada como o deporte ao ár libre para enerxizarse.
Parei a facer fotos para ilustrar este texto e dar a coñecer esta ruta alternativa a moitas outras que hai por Lugo e que merece a pena sexan coñecidas.
Dende o centro pódese chegar en menos de sete minutos sobre todo polos atallos que van directamente ao río. Eso sí, con unha pendente que ata para baixar se fai difícil por ter que ir freando, nada que dicir da volta ao centro. Como hai sitio para aparcar coches ou outros vehículos, esa dificultade podese reducir bastante. Logo é todo chán a pé de río. Continuando o paseo xa se pode ir a carón do río Miño, outro paraxe interesante.



 





domingo, 28 de febrero de 2016

VIAXE A LANZAROTE




Parque Nacional de Timanfaya





Hai xente que vai a Canarias con moita frecuencia. Non é o meu caso. Sempre me chamaron a atención esas illas perdidas no Atlántico, perto de África, cun clima envidiable e desexable para os que vivimos no norte. Tantas illas que non sabía a cál me gustaría ir. Cál tería o engado de sorprenderme e interesarme. Penso que con Lanzarote xa me conformaría. Alí atopei historia humana e xeolóxica en abundanza. Non podía imaxinar o que alí tiña acontecido e que conformou a súa paisaxe actual, o seu modo de vida e a tenacidade das súas xentes que foron capaces de sobrevivir á catástrofe, usar a súa sabiduría e imaxinación para sacar partido do pouco que a terra lles podía ofrecer naqueles vales cubertos de lava ata o mesmo mar. O símbolo da illa é o demo. Aparece en todas partes. Ainda se pode ver nunha rocha que de forma natural ofrece a súa silueta. Aquello foi cousa dun diaño moi terrible. Os seus lugares de interés son agora as reliquias daquel pasado. A cova dos verdes, que non se chama asi polas cores que poidan atoparse nela, senón porque os verdes eran habitantes daquela zona e que utilizaban a cova como refuxio para non seren levados como escravos por incursores que viñan á illa.

Cova dos Verdes

Aloe Vera



Antigos habitantes da illa "Os majos"
 Esa cova foi escenario do filme Viaxe ao Centro da Terra. Sumerxirse por ela, percorrer un quilómetro dos seis que ten, coa cabeza case sempre agachada para non darse cos picos que as gotas de lava deixaron a modo de estalactitas. Admirar as lagoas que se acumulan en lugares estratéxicos, debido aos xaneos, ou burbullas que se formaron, imaxinar ese río de lava discurrindo ata o mar, abrindo fendas por toda a superficie e deixando ao seu paso una paisaxe luar, inhóspita, despiedada; arrasando terreos de cultivo, casas, animais.....e non só una vez, senón que houbo mais e mais recentes, só douscentos anos pasaron e quén sabe o qué acontecerá no futuro pois o magma da terra está ahí mesmo, a flor de piel xa que hai probas que se fan diante dos turistas e vemos como arde una retama que se mete nun burato baixo terra, ou como se forma un geiser ao introducir un cubo de auga nun deses buratos por non mencionar a barbacóa que o restaurante do mirador do Parque Timanfaya, utiliza para asar as carnes en pleno forno volcánico. Da un pouco de medo moverse por esas montañas de cinsa que son agora alturas de ata seiscentos metros oiu mais, cos seus cráteres abertos  e fisuras que amosan as entrañas da terra, abismos endemoniados de chans inaccesibles aos que so os lagartos, grilos e outros bichos teñen acceso.
Pasar de lado a lado por un cráter milenario fíxome sentir na boca do inferno por mais que medrase algo de vexetación nun círculo e cando xunto a él había un recordatorio dunha muller perecida non se sabía ainda a causa. Marchei dalí, daquel val encantado onde a xente escribe nomes con pedras e fai milladoiros, deixando o terreo tan pelado que apenas hai pedras que coller para imitalos.

Arquitectura en Playa Blanca
Despois, Lanzarote ten a cara blanca, de contrastes ca negrura dos seus volcáns e que un artista xenial, César Manrique, fixo que non se convertise nun boom hoteleiro de rañaceos senón que preservou a arquitectura popular tradicional de casiñas baixas con tellados que recollen auga para alxibes, nunha illa na que a auga é ouro e o vento enerxía.
Candados que a xente deixa con mensaxes.
O turismo é o seu modus vivendi ainda que a min non me gusta atopalo. Pero é un turismo respetuoso tal vez coñecedor da filosofía do seu protector César Manrique, naturista por excelencia que soubo conxugar construcción con natureza, sen romper nada, sen distorsionar nin cambiar senón integrar o novo co xa existente en perfecta armonía.



Solpor en Punta Flamingo (Playa Blanca)
Disfroitando das dunas en Fuerteventura
E pese a esa desolación que os rodea, a xente lanzaroteña, chamados coellos, son amables e alegres, dispostas a amosar con orgullo os mellores tesouros da súa illa a que votan de menos cando están lonxe. E eu, non poderia vivir alí, votando de menos Galicia, a miña terra, co seu mal tempo e longo inverno."Nace o corvo na pena e tira para ela".



Hai moitos gatos na illa e tamén quén se ocupa deles.
Centro comercial en Playa Blanca


 
Praia Flamingo acolleume nos seu regazo

domingo, 14 de febrero de 2016

Tempo no faiado


 
Un día para estar dentro, para explorar o trasteiro e desfacerse de cousas que levan mais de trinta e tantos anos gardadas por se servirían para alguén que viñera atrás. Entre elas os xoguetes do meu fillo. Aqueles homiños de Play Mobil tan atarefados e dispostos ás mais arriscadas aventuras por mar e por terra. Bombeiros, albaneis, piratas… equipados cos mais diversos aparellos de “quita e pon”. Sentín ternura por eles, pola súa resistencia ao tempo, por ser tan serviciais e polifacéticos, cos seus gorriños intercambiables, os catalexos, as bandeiras, os remos, mapas, palas, sillas, hamacas…..Decidín gardalos de novo para netos vindeiros que, secadra, saben aprecialos. Desfíxenme, eso sí, dos seus campamentos balizados e daqueles que perderan a cabeza nas batallas, considerándoos xa mortos, dadas as feridas sostidas tanto tempo. Mutilados de guerra, que non estaría por demais gardar tamén, para darse conta de que a realidade segue a ser a mesma que fai tantísimos anos. Despois entréi na sección coches. Habíaos de moitas clases. A maioría xa para o desguace. Gardei aqueles que viñeran de Inglaterra por seren todo terreno, contruidos de bo material resistente e que tiñan case todos a particularidade de levar remolques engadidos para transportar outros vehículos, ou gruas con manivela para enroscar a corda, feitos algúns deles de boa madeira, da que non se apolilla. Tampouco desvotei os diferentes legos por aquello do didactismo que sempre practiquei, como ensinante que fun. Os legos propician a creatividade da construcción e axudan a imaxinar. Todo ou case todo é posible con eles. Lémbrome que o meu fillo pasaba longo tempo con eles. Só necesitan un bo lavado a presión, polo demais, están tal cal. Ainda nono andiven todo. O tempo non da para mais e hai que ir aos poucos, seleccionando e pensando ao mesmo tempo. Quedan os puzzles, as marionetas e algunhas bonecas alén de moitos libros, dos que mercaba por cinco peniques nas “jamble sales” de turno no condado de Kent ou mesmo en Londres. A min sempre me gustóu a segunda man, ainda hoxe. Hai cousas que unhos non queren que outros sí e o mundo sería mellor se reciclaramos mais e tivesemos a humildade de compartir os bens.
 
Un día para ler tamén. Todo está moi relacionado e lendo libros de acontecimentos pasados fai anos, póñennos ao corrente de outros que ocurrren agora, que teñen obxectivos moi semellantes ainda que os procedimentos sexan ben distintos. Estou a falar dos Pathan da Fronteira Noroeste de Afganistán e a súa loita pacífica para a liberación do seu territorio ocupado polos británicos. Unha loita que non implicóu a violencia, senón a desobediencia civil, a unidade (irmandade) e a participación. Lendo “The Pathan Unarmed” escrito por unha muller, Mukulika Banerjee, abro os ollos a certas realidades moi actuais para intentar comprender.
(Sorprendeume descubrir que a nosa palabra "patán" ven precisamente do nome desa comunidade dos Pathans.)


Esto non estaba entre os xoguetes do trasteiro pero ocupa parte do meu lecer nun día de chuvia e vento, con ondas de ata oito metros, ou mais, na costa galega, e moito vento no interior. Día de reflexión, de música na radio, de internet e teléfono a media asta ou case non operativos. A tecnoloxía nono é todo. Podemos pasar un día ou dous sen ela. Librando espacio, vou creando outro novo para o que veña atrás. Filosofía zen. Quedan ainda moitas cousas das que desfacerme, entre elas, fotos, cartas, papeis…..Quén vai recoñecer as caras de xente que vivíu noutra época? As nosas historias son siñificativas só para nós, todo mais para os nosos fillos. Demasiado material! Chega gardar unha pequena mostra. Ainda que eu me considero unha nostálxica de todo o que desapareceu como os aparellos de fiar a lá, a primeira radio, as miñas zoquiñas primeiras….. Ainda ben que gardei as ferramentas de carpinteiro do meu pai, e a máquina de coser da miña nai. Convertir a palleira nun museo etnolóxico formaba parte dos meus soños e ainda penso que estou a tempo.

miércoles, 20 de enero de 2016

PAN NOSO DE CADA DIA....

que cada vez sabemos menos de ti, da túa procedencia...cánto te votamos de menos!
Lémbrome do conto "A galiña e o gran de trigo"..... Sempre me gusta facer alusión a él porque, como todos os contos, amosa unha realidade  que non se nos escapa: é moi doado acudir a comer o boliño de pan pero ninguén tivo tempo para axudar a sembrar o gran de trigo, nin segalo e mallalo, amasalo e fornealo... A xente da miña edade, tamén lembramos aquelas merendas que consistían nunha rebanada de pan con manteiga e azúcar por enriba. Visto dende aquí, semella un manxar case esquecido e moi difícil de recuperar. Mergúllome no inverno co forno quente e o pan levedando. Probo a facer diferentes tipos de pan porque me gusta a variedade en todo nesta vida. Sempre o mesmo, é algo aburrido, así que, internet por medio, busco recetas novas e mesturo fariñas distintas que xunto con outros agredientes, fan que o pan resulte unha novidade no día a día. Se algo aprendín en Irlanda, entre outras cousas, foi o das variedades de pan.  Alí elabórano con iugurte ou leite aceda que lle da un toque moi peculiar. Outra cousa que tomo dos británicos en xeral, é o do pan de molde. Gústame para facer as tostadas, os bocatiños... Por eso case sempre o fago así. Paga a pena só polo arrecendo a pan que se estende por toda a casa e probalo ainda quente, fai as miñas delicias!
Hai días que me sumo na elaboración de diversos productos como xabón, confituras, postres, e non hai por onde coller a cociña ata que todo vai indo ao seu sitio correspondiente e voltamos á normalidade pero con mais satisfacción por ter unha remesa de xabón para todo o ano, para dar e tomar.... Pan e postres que conxelo e vou consumindo aos poucos. É unha maneira de utilizar os froitos da estación e que non se voten a perder, como as cabazas, mazáns, castañas....Así, coas mazáns elaborei moito applestrudel, coas castañas, crema, coas cabazas este pan que nunca tiña feito.
E, o mais importante, ocupar o tempo, distraerme, sentirme activa e capaz de facer todo aquello que quero. Só teño un pequeño problema: o de compartir! polo que o fago de maneira virtual para que os que non traballaron non gran de trigo, se deleiten co resultado visualmente!!!!
Non podía faltar a miña lembranza daquelas tardes de fornada na casa dos veciños, agardando polo pan e polas empanadas, contando contos mentras tanto, sentados no escano ao pé da lareira, vendo cómo abrían o forno para saber se estaba para sacar. Eso, non voltará! Porque aquí acabouse a xente e as casas van quedando valdeiras e o rural quere xente, pero ¿qué xente? Xa non será aquela xente que sabía de todo para a subsistencia. Sabía cómo e cándo semiar, recoller, elaborar..... e con moi poucos medios non contaminantes porque era todo artesanal. Hai soños que fican tras de nós para nunca poder ser soñados. Pero, ainda que non sexa igual, termos a sensación de que as cousas poden voltar a facerse na casa e aproximarse a aquelas que deixaron de ser


viernes, 1 de enero de 2016

O DOUS MIL QUINCE

Deixaches una estela
 Sorprendeume esta leira de xirasois!
que centinea no mar da noite
empezando no inverno
e acabando no inverno.
Fixéchesme avoa por
vez primeira e asomeime
ao palpexar dun ser
que é novo e coñecido.
Leváchesme a unha illa
que explorar e a xente
que se fixo amiga.
Trouxéchesme o mundo
Añadir leyenda
á casa para sentir o
placer de viaxar sen viaxe.
Ocupáchesme con tarefas
da mais diversa índole,
amosándome cousas novas
experencias únicas,
dun espíritu incansable
disposto a aprender.
Agasalláchesme co don
de disfroitar o entorno,
de poder ver o mundo
no prisma do cotidiano.
Ser feliz de estar aquí,
onde nacín, onde me criei,
onde me gustaría morrer.
Leváchesme por onde
me gusta ir, por praias,
por paseos a pe de mar,
pola montaña e polo urbán.
Degustei xantares e compañas
como algo especial de quen,
como eu, non ten outra
vida en común mais que
aquela que me brindan
os meus animaliños.
Percorrín o outono que
se prolongou e ofreceume
froitos exquisitos.
A carón do lume no fogar
sinto calor de vida boa,
que se derrama para servirme.
Aprecio todo o que fuches,
ano que pasou e agardo
entrar con bo pé no que
xa rexe dende horas.
A felicidade emerxe
do saber vivir con pouco.





Fornada de applestrudel (un postre de
Alemania)

lunes, 16 de noviembre de 2015

A MIÑA ANDADURA COS AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTRO VERDE


O CASTIÑEIRO

Soutomerille de lenda
escasas reliquias deixas
emblemáticas dabondo
de nobreza e fidalguía:
unha igrexa peligrina,
unha pousada derruída,
un cemiterio escondido
e ti, castiñeiro altivo.
O teu souto deuche nome,
a terra, substancia viva;
esculpido na parede
formas parte dunha linde
do Camiño Primitivo
que vai por Soutomerille



Hai uns anos que retornei a miña aldea natal para ocuparme dos meus maiores. Tiven a sorte de poder continuar a miña vida laboral no concello onde nacín. Viña acostumada a facer sendeirismo e votaba en falta algunha actividade así, polo que tratei de enterarme qué grupos había por esta bisbarra que saísen a camiñar. Non sei cómo me falaron de que en Castro Verde había unha asociación deste tipo. Contactei con eles e xa me fixen socia de contado. Parciame que estando tan perto e coñecéndonos a maior parte deles, sería unha boa oportunidade de relacionarme.
Como o seu nome indica, este grupo de xente, ocúpase de cousas interesantes como son a recuperación do patrimonio, dar a coñecer o seu concello, percorrer os seus sendeiros, apreciar as súas árbores, os seus montes, denunciar todo aquelo que vaia en contra da desaparición das moitas reliquias históricas que nel se encontran, de descubrir lugares ocultos, en situación de abandono, limpar os sendeiros, relacionarse con outros Castro Verdes de Portugal e de España, establecer contactos con outros grupos semellantes dos concellos lindeiros cos que se comparten saídas, dar a coñecer acontecimentos de tipo cultural que están ahí para todos, organizar feiras, mostras, celebracións que destacan polo seu carácter local e comarcal.
Trátase dun grupo moi heteroxéneo no que hai artistas, escritores, historiadores, docentes, cregos, músicos.... case todos eles veciños de Castro Verde, aínda que algúns non moren actualmente nesta veciñanza pero que seguen vinculados por moitas razóns e contribúen todos eles co seu facer, coa súa investigación e co seu aprecio polo común e propio que vale a pena conservar e dar a coñecer.
Dende o primeiro día, sentínme ben recibida. Non me resultaron nada alleos, senón, pola contra, moi familiares, coñecidos de coñecidos, amigos de amigos, sabedores de historias que eu tamén coñezo e, sobre todo, galego falantes.
Son nove anos de percorrido, non tan constante como quixera, pero suficiente para sentirme ancorada nesta terra na que nacín, e da que faltei un tempo longo e na que optei por ficar de novo para disfroitar da vida rural e das moitas ventaxas que ofrece a inmersión na plena natureza.
Sentiría ben que este grupo desaparecera algún día por falla de medios ou de persoas que se ocupen do seu funcionamento, traballo que eisixe dedicación, tempo e moitas forza de vontade. Non é doado atopar líderes, persoas dispostas a encargarse de algo desta importancia e transcendencia. Chegado ese caso, votariamos moito de menos este tipo de actividades nas que participamos xente de todas as idades e que nos serve de esparecimento ao mesmo tempo que nos activa a mente e nos cultiva o espíritu.