www.leriasdebea.blogspot.com

Translate

domingo, 24 de maio de 2026

LAUDATIO FUNEBRIS

 


Tarde máxica na Pousada dos Boieiros, Esgrade, Baleira, con un auditorio semicuberto dende o que se pode ver o ceu, neste caso, azul e tamén o cuberto ou palleira con apeiros de labranza pendurados das paredes de pedra.

Quén dí que no rural non se poden facer actos culturais? Dun tempo a esta parte, cambiaron os ventos e xa non so nas cidades e vilas acontecen estas cousas. Aquí, entre medio das montañas, da Marronda, do Eo que vai polo val, nunha aldea de tres casas, con xente só nunha delas, hai espazo para a cultura e para a natureza, o silenzo e o divertimento.

Co gallo de presentar o libro Laudatio Fúnebris escrito por Andrés Díaz e Eva Moreda, que trata dos rituais post mortem con cánticos, prantos, cantos no Medievo galego, neste caso pero non só, xa que foi igual ou moi semellante noutras partes de Europa, un dos autores, Andrés Díaz que ademáis é o director do grupo de Música Antiga 1500, sendo él o encargado da cítola, arpa e frautas; Belén Bermejo, voz e percusión, (por certo, unha voz preciosa e acaída ao tipo de música) e David Bellas que toca a gaita medieval e frautas, trasladáronnos ao Alén con pezas medievais, muiñeiras e outras tradicionais galegas como as que tocaba o Florencio co violín. Teño que dicir que son máis os compoñentes deste grupo pero onte só viñeron tres deles.

                                                 De esquerda a dereita David, Belén e Andrés

Malia o lugar afastado no que se encontra esta casa que foi dos avós de Andrés Díaz e de Tino Díaz, hoxe propietario, e que se coñecía como a casa do Medio ou casa dos Boieiros, por adicarse á venda de bois que levaban ata Benavente facendo todo o percorrido a pé por camiños, está sendo un lugar habilitado como museo no que Tino Díaz foi coleccionando os obxectos que se usaban antigamente. Tamén conserva unha cantina na que non faltan botellas de todas as marcas de cervexa, bocois do viño, e outros útiles propios dunha taberna, contóu cunha audiencia bastante considerable de xente da contorna e mesmo de Lugo e outros lugares. 

A casa dá para moito. Só unha pequena parte está habilitada como museo pero queda moito por facer. Tamén conta cun hórreo en moi boas condicións. Por suposto ten unha cociña de lareira e varias estancias que albergan obxectos e aparellos antigos tanto de uso agrícola, como de animais, (vacas, bois, cabalos...).

Tino, que vive en Lugo, ven a miúdo para entregarse ao seu museo e ir engadindo algo novo, reparando, e coidando o que xa hai e organizando eventos culturais xa que o sitio préstase para iso e mesmo, onte, había abundancia de cadeiras, todas iguais para sentarse comodamente.


Gústalle gardar documentos e fotos da súa familia que ten unha historia moi interesante e que Tino non se queda parco en detalles cando nos conta todas as historias e anécdotas que él tan ben coñece.



E así acabóu unha tarde morniña de maio facéndonos sentir ben e ata desexando que no noso pasamento nos canten e toquen pezas medievais para despedirnos deste mundo no que estouran as bombas e nos enxordecen os ruídos.

Quero un funeral

ao estilo medieval,

con túnicas lánguidas

e veos cinguidos, 

prantos sentidos, 

sons do abellón

ao meu carón,

noites sen perdón

ata que o galo cante.

Beatriz Pin




2 comentarios:

  1. Também eu gosto muito de colecionar velharias.
    Até porque muitas guardam memórias preciosas.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar, por empatizar e por vir en son de paz.